A empresa que programara unha festa de Samaín na tarde e a noite deste xoves na illa de San Simón finalmente optou por cancelala. A celebración levaba días a xerar controversia despois de que colectivos en defensa da memoria histórica e familiares de persoas represaliadas que pasaron polo lugar cando era campo de concentración durante a Ditadura franquista fixeran saltar todas as alarmas e se amosaran moi críticas.
Finalmente, a empresa Nabia comunicou este mércores ás persoas inscritas para participar que a festa quedou cancelada. Atribúen a decisión a "motivos meteorolóxicos", sen facer referencia á polémica.
A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), colectivo que liderou durante os últimos días a oposición á festa, amosou este mércores a súa "satisfacción" pola suspensión do Samaín na Illa de San Simón.
"A empresa alega causas metereolóxicas, mais, para nós, isto foi posible grazas á marea de indignación democrática", valora o colectivo, que lembra que se trata dunha actividade "totalmente irrespectuosa" coas vítimas, as súas familias e a sociedade en conxunto.
Ademais, desde a IGM dan as grazas a familias e integrantes do movemento memorialístico galego pola súa loita. Desde os colectivos agrupados na IGM tamén anuncian que seguirán loitando para conseguir un plan de usos que teña sempre presente o pasado da illa como campo de concentración franquista. "San Simón non é un parque de atraccións, é a illa da memoria. Respectémola", piden.
A polémica festa tamén tivo a oposición de partidos e institucións como a Deputación Provincial de Pontevedra ou o BNG, que levou o asunto ao Parlamento de Galicia.