Non existe "impedimento legal algún" por parte de Canadá para que se poida baixar ao pecio afundido do Villa de Pitanxo. Así llo asegurou a embaixadora de Canadá en España, Wendy Drukier, ás familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do barco.
Unha representación dos familiares foi recibida pola diplomática canadense que, segundo explicou María José de Pazo, filla do xefe de máquinas do buque afundido, "atendeunos de forma moi educada e moi sensible".
Neste encontro, engadiu De Pazo, "corroborounos e confirmounos de forma verbal e farao de forma escrita" que as autoridades de Canadá non poñerán obstáculos para que España acceda ata o lugar do naufraxio.
As familias trasladáronlle á embaixadora canadense que eles tampouco aprecian os condicionantes técnicos que alega o Goberno español para xustificar a súa negativa de localizar os restos do naufraxio e gravar con cámaras o estado no que se atopan.
Os representantes das 21 familias das vítimas mostraron á embaixadora o folio e medio “sen motivación” e sen informes de expertos no que se lles comunica que se arquiva todo.
Tamén solicitaron á embaixadora que lles informe de se en Canadá abriuse algún procedemento penal e, de ser así, que lles diga cando se abriu e en que trámites está, ademais de pedirlle o número do procedemento.
MEDIACIÓN DO DEFENSOR DO POBO
A reunión coa embaixadora de Canadá non foi a única que mantiveron as familias dos mariñeiros nas últimas horas, xa que tamén celebraron un encontro co Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, en Madrid.
Segundo explicaron os familiares, Gabilondo comprometeuse a mediar ante a autoridade competente para expor a posibilidade de acceder ao pecio do pesqueiro.
María José de Pazo sinalou que trasladaron ao Defensor do Pobo a necesidade de que actúe de oficio neste caso para que se investigue este naufraxio, reclamando, a continuación, vontade política para esclarecer os feitos.
"Agradecemos os días de loito nacional, moitas gravatas negras, pero queremos actuacións pola memoria dos 21 falecidos, por respecto a toda a xente de mar, que está a navegar, e non se fixo nada", sinalou De Pazo.
A portavoz das familias reclamou aos políticos que se "investigue" e que manden un barco cun robot para tal efecto. "Non pedimos nada máis, non pedimos o rescate dos corpos, iso pediuse nun primeiro momento porque é normal, pero imos camiño de seis meses e non estamos a pedir quimeras, só que se investigue", sentenciou.