A Universidade de Vigo xa ten trazada unha folla de ruta para levar o campus de Pontevedra ata o horizonte do ano 2027. A través dun ambicioso plan estratéxico, a institución quere reforzar as conexións da creatividade coa arte, a comunicación, o deseño e a educación.
Estas son as catro liñas de especialización sobre as que están traballando para acreditar o coñecido como Campus Crea e que, segundo os responsables universitarios, estará orientado a poñer o foco nas titulacións que están máis relacionadas coa creatividade.
Tras analizar o escenario actual, o plan estratéxico deseñado busca dar resposta a tres "retos prioritarios", segundo avanzou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
Así, buscan aglutinar as actividades de docencia, investigación, transferencia e divulgación relacionadas coa creatividade, potenciar a colaboración entre os grupos de investigación e o tecido produtivo e posicionar o Campus Crea no ámbito social, económico e empresarial.
O Campus Crea vincula, como recolle o documento, catro facultades, dezasete títulos de grao, mestrado e doutoramento, máis dun centenar de docentes e doce grupos de investigación.
Unha das primeiras accións será a creación dun instituto de investigación no campus, nucleado na contorna de temáticas relacionadas coa educación e os deportes, tendo en conta que existen nestes eidos distintos grupos salientables en canto a resultados de investigación.
Será a través dun proceso "participativo", subliñou Reigosa, na que se consultará cos diferentes grupos que poderían adherirse ao instituto, co obxectivo de activar un proceso que permita xerar definir tanto o nome do futuro instituto como as súas liñas de traballo e crear unha "comunidade de intereses" en canto as liñas de investigación.
"Os pasos iniciais son moi importantes, porque hai que conseguir que se vexa como unha oportunidade de futuro e como un primeiro paso para a futura creación de centros de investigación", sinalou o reitor da universidade.
A creación deste organismo xa está contemplada nos orzamentos para 2025, polo que "contamos que ao longo deste ano poidamos ter por fin un instituto de investigación en Pontevedra", que, lembrou, sería o quinto que pon en marcha na Universidade de Vigo.
Entre outros asuntos, o reitor abordou tamén o proceso de creación da futura Facultade de Enfermaría, que contaría cunha sede nos tres campus e que se atopa "pendente dos convenios de desadscrición" dos actuais centros adscritos.
Reigosa destacou tamén os "excelentes" datos de matrícula acadados no presente curso no campus e que "son historicamente moi salientables", ao lograrse unha taxa de ocupación de 107% nas prazas de novo ingreso no conxunto de graos que se imparten en Pontevedra.
Entre as actuacións que abordará a Universidade de Vigo no campus pontevedrés nos próximos meses, a previsión é finalizar os traballos de renovación da cuberta e a instalación de placas fotovoltaicas na Facultade de Fisioterapia.
Ademais, acaban de comezar os traballos para mellorar a canalización da auga no campus e o subministro da Escola de Enxeñaría Forestal, en Fisioterapia e na escola infantil e nos próximos días comezarán os traballos de renovación do pavimento da pista do Pavillón Universitario.