O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, recibía este mércores 11 de agosto a comunicación de Abanca de que tiña intención de pechar a única oficina que ten no municipio.
Un día despois, o rexedor manifesta publicamente o seu rexeitamento e indignación ante unha decisión que, afirma, atenta directamente contra os habitantes do rural galego xa que antes que Campo Lameiro esta entidade financeira xa decidiu eliminar as súas sucursais en Soutelo de Montes (Forcarei), Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Seixo (Marín), Campelo (Poio), Carril e Vilaxoán (ambas en Vilagarcía de Arousa).
Carlos Costa vén de convocar de urxencia unha xuntanza de comerciantes e empresarios de Campo Lameiro para o día de hoxe, xoves 12, ás 20:30 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural Sobrino Buhígas para informar das medidas que decidiu tomar o Concello de Campo Lameiro ante o sorpresivo anuncio por parte de Abanca do peche da súa oficina, que precisamente se localiza nos baixos do edificio.
Na xuntanza o alcalde trasladaralle aos comerciantes a seguinte declaración: "o noso rexeitamento sen paliativos fronte a esta decisión empresarial unilateral que deixaría sen ningunha entidade financeira ao concello de Campo Lameiro, un municipio cunha porcentaxe moi elevada de veciños de avanzada idade, pensionistas na inmensa maioría e que cobran as súas pensións a través de Abanca facendo retiradas por ventanilla deses cartos para poder vivir e onde a fenda tecnolóxica afecta de xeito moi directo a este colectivo polo que a medida terá unhas graves consecuencias sociais no noso concello".
No transcurso da xuntanza o alcalde informará das xestións realizadas desde o Concello ante esta sorpresiva situación e para coordinar medidas de defensa, sen descartar diversos modos de mobilizarse.
Por outra banda, o alcalde convocou unha Xunta de Portavoces para este venres 13 no Concello para poñer data a un Pleno Extraordinario de repulsa sobre esta decisión e trazar liñas de actuación e protesta consensuadas para denunciar esta decisión unilateral da entidade bancaria.