Campo Lameiro redobrará a presión sobre Abanca tras a súa negativa a manter aberta a súa sucursal

Umia
24 de agosto 2021

A decisión de Abanca de pechar a súa oficina en Campo Lameiro é "irrevocable". Así llo aseguraron os responsables do banco ao alcalde nunha xuntanza celebrada no consistorio. A entidade só contempla, como medida alternativa, deixar operativo un "caixeiro intelixente" para atender as demandas dos seus clientes 

Oficina de Abanca en Campo Lameiro
Oficina de Abanca en Campo Lameiro / PontevedraViva

A decisión de Abanca de pechar a súa oficina en Campo Lameiro é "irrevocable". Así llo aseguraron os responsables do banco ao alcalde nunha xuntanza celebrada no consistorio.

A entidade só contempla, como medida alternativa, deixar operativo un "caixeiro intelixente" para atender as demandas dos seus clientes no municipio.

Pero para a corporación municipal esa opción "non é operativa" e aseguran estar "moi decepcionados" pola postura do banco. As alternativas que barallan son, para Campo Lameiro, "pouco realistas" e non permitirán dar unha resposta "satisfactoria e eficaz".

Os voceiros municipais coincidiron en considerar "inasumibles e insuficientes" estas medidas alternativas e reclamaron con contundencia o mantemento da sucursal, aínda que fora con persoal compartido con outra oficina próxima.

Iso si, Abanca, a petición do alcalde, comprometeuse a estudar a posibilidade de habilitar unha "unidade móbil" en forma de microbús que se desprace algún día ao mes a Campo Lameiro, especialmente para atender ás persoas maiores e comerciantes.

Tras esta xuntanza, os tres grupos políticos con representación na corporación decidiron "seguir a nosa folla de ruta na defensa dos intereses e dos dereitos dos nosos veciños". 

De aí que se manteña a manifestación prevista para este venres 27 de agosto ás 20:30 horas e as distintas accións de protesta e mobilización.

Ademais, se o 8 de setembro Abanca materializa o peche, nomearán "persoa non grata" a Juan Carlos Escotet, ao consideralo como o "principal responsable" deste "atentado contra Campo Lameiro" e protagonista dunha "clara mostra da deslealdade" coa súa clientela "á que pediu confianza para que non retiraramos os nosos depósitos cando se fixo cargo da entidade".