O Concello de Campo Lameiro foi o primeiro da provincia de Pontevedra no que quedaron constituídas todas as mesas electorais este 18 de febreiro, antes das nove da mañá. Neste municipio hai catro meses nas que votan nestas eleccións autonómicas 1.539 persoas.
A última mesa de Galicia en constituírse foi pontevedresa, en Vigo. Nesta cidade, tres colexios abriron con atraso.
As mesas do IES A Guía de Vigo abriu tarde porque o conserxe chegou un pouco tarde a abrir. Outra mesa non puido constituírse a tempo porque o presidente quedou durmido e non aparecía á hora de conformarse a mesa. Unha terceira, en Beade, constituíuse tarde por extravío do censo.
Segundo a información facilitada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, esta mesa de Beade atrasará o seu peche 45 minutos, dado que se constituíu tarde. O motivo da incidencia débese a que non aparecía o censo á hora de abrir a mesa, debido a un malentendido entre o axente da Policía que o levou e o representante da administración. Tan pronto se localizou a mesa constituíuse sen máis novidade.
Solucionada esta última incidencia, as 3.951 mesas electorais que suma Galicia, 1.344 en Pontevedra, quedaron constituídas. Era xa preto das dez da mañá.
Na primeira das catro comparecencias que ten previstas para este domingo de votacións, o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, explicou que "a xornada electoral comezou con total normalidade e sen incidencias reseñables", máis aló das "normais" como os atrasos en cinco colexios: os dous de Vigo e outros en Culleredo, Ponteareas e Boqueixón
Na provincia de Pontevedra, a Subdelegación do Goberno tamén confirmou que os colexios abriron "sen novidades relevantes".
En toda a comunidade están chamados a votar 2.217.089 electores en 3.951 mesas electorais. Deles, 773.522 son da provincia de Pontevedra e 66.791 da capital.
Nos 61 municipios da provincia constituiranse 1.343 mesas distribuídas en 661 locais electorais. Nelas poderán votar os 773.522 electores e electoras residentes na provincia (CER,), do total das 911.704 persoas que compoñen o censo electoral en Pontevedra. As 138.182 persoas restantes son residentes no estranxeiro (CERA).
No municipio de Pontevedra poder depositar unha papeleta na urna este domingo 66.791 persoas en 106 mesas.
Para garantir que a xornada electoral se desenvolva sen incidencias, a Delegación do Goberno deseñou un dispositivo a cargo das Forzas e Corpos de Seguridade estatais, autonómicos e locais con 2.277 efectivos. Todos traballarán para garantir a normalidade no exercicio do dereito ao voto durante esta xornada.
Na provincia de Pontevedra, a Garda Civil despregará 1.180 axentes e a Policía Nacional, outros 819 axentes. Pola súa banda, a Unidade de Policía Adscrita da Policía Nacional sumará 38 efectivos e os distintos corpos de Policía Local, 240.