Campo Lameiro mergúllase na prehistoria

Umia
21 de agosto 2022

Os numerosos asistentes disfrutaron durante toda a xornada de actividades, música, excursións, obradoiros, gastronomía e visitas teatralizadas a petróglifos da contorna

Participantes no Festival da Arte Rupestre "Laeros"
Participantes no Festival da Arte Rupestre "Laeros" / Concello de Campo Lameiro

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, cualificou dun "auténtico éxito" a celebración do primeiro Festival da Arte Rupestre "Laeros", organizado polo Concello, e que contou tamén cun xantar prehistórico que reuniu a uns 300 comensais e diversas actividades e obradoiros que foron entretendo ao numeroso público que se achegou ata o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR).

Durante a visita ás distintas zonas habilitadas polo PAAR para acoller obradorios e recreacións prehistóricas, o alcalde de Campo Lameiro estivo acompañado polos seus homólogos de Moraña, José Cela, e de Portas, Ricardo Martínez, así como polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

Entre as distintas actividades organizadas para reivindicar o papel de Campo Lameiro como capital da arte rupestre, o Concello puxo en macha un obradoiro metalúrxico, varios de lanzamento de frechas, facedores de lume, cesteiría, tatuaxes, etc. Ademais dun xantar a base dun asado de vacún feito alí desde primeira hora da mañá por membros da Asociación Costillar á Estaca de San Clemente.

Durante toda a xornada, o público dispuxo tamén da posibilidade de realizar excursións en microbús para visitar varios petróglifos do municipio e que tiveron como principais destinos o Castro de Penalba e Campo de Matabois e Chan da Lagoa.

Ademais, puido contemplar unha exhibición de metalúrxica prehistórica a cargo da empresa de divulgación cultural Árbore Arqueoloxía; a actividade cotiá nunha aldea da Idade do Bronce, a cargo da Asociación Tir Na N´og; exhibicións de cesteiría a base de cereal, obradoiros de pintura, graffitis e caza. Finalmente, a xornada rematou coa visita caracterizada do investigador e arqueólogo Sobrino Buhigas a cargo do actor Suso Martínez, e cun concerto protagonizado polo grupo Neonymus.

Moitas persoas asistentes ao Festival da Arte Rupestre “Laeros” vestíronse de época  portando vestimentas de carácter prehistórica participando así tamén nun concurso no que se concedeu un premio de 200 euros en vales de consumo en establecementos do comercio local de Campo Lameiro para o mellor caracterizado a xuizo dun xurado.

Finalmente sinalar que durante toda a xornada estivo operativa unha pequena feira artesanal composta por unha ducia de postos de emprendedores locais que contribuiron a ambientar a xornada ao tempo que ofreceron diversos artigos elaborados a man polos seus autores utilizando para elo todo tipo de técnicas artesanais.