Campo Lameiro conmemora o Día Europeo da Arte Rupestre

Umia
09 de outubro 2023

O Concello fixo labores de conservación que se levaron a cabo por Árbore Arqueoloxía e Carpintería Carbre

Traballos de conservación dun petróglifo
Traballos de conservación dun petróglifo / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro conmemora este luns o Día Europeo da Arte Rupestre pondo en valor os seus petróglifos e promovendo unha visita guiada nocturna ás estacións arqueolóxicas de Matabois e Outeiro de Pantrigo. 

Ademais, nestes días rematan os labores de limpeza e conservación realizados pola administración local en Chan da Lagoa e Campo de Matabois onde se fixo unha intervención a cargo de Árbore Arqueoloxía e renováronse as tarimas de madeira na Laxe da Rotea de Mendo a través de Carpintería Carbre.

Os traballos, promovidos polo Concello de Campo Lameiro, obtiveron unha subvención para concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas que rondaron os 30.000 euros procedentes da Xunta de Galicia.

Os petróglifos, aínda que se están en bo estado de conservación, atopábanse cubertos dunha capa de musgos, liques e algas que dificultaban a súa visión e comprensión por parte dos visitantes, polo que o labor de conservación consistiu nunha limpeza da superficie dos paneis gravados. 

O método, testado e publicado, consistiu en impregnar de ethanol o soporte pétreo e, posteriormente, cubrilo cunha lona por espazo de dous días. O obxectivo é crear unha atmosfera saturada de ethanol, unha especie de efecto invernadoiro, que provoca o debilitamento das especies liquénicas e permite a súa retirada de xeito sinxelo e seguro, e sen afección á rocha nin ós gravados prehistóricos.

Este sistema foi xa testado e utilizado noutros lugares con importantes petróglifos como Siega Verde ou os países escandinavos, e estanse a verificar tamén as súas vantaxes en Galicia.

NOVOS MODELOS FOTOGRAMÉTRICOS E CALCOS ACTUALIZADOS

Está previsto que se realicen tamén os novos modelos fotogramétricos e calcos actualizados dos paneis xa limpos, traballo durante o que é previsible que se localicen novos motivos antes descoñecidos, xa que os calcos anteriores destas zonas son bastante antigos e realizados sen axuda da fotogrametría, que permite documentar sucos non visibles a simple vista.

Tamén se están levando a cabo labores de substitución das tarimas de madeira que facilitan o acceso e visibilización dos distintos petróglifos e estacións arqueolóxicas. Estes traballos están sendo executados por unha empresa de carpinteiría local, Carpintería Carbre, dirixida por Carlos Brea que están mellorando substancialmente a imaxe e posta en valor estes espazos de arte rupestre ao aire libre.