Campo Lameiro aborda actuacións para poñer en valor os seus petróglifos

Umia
08 de abril 2021

Os traballos realizados tiveron como obxectivos principal o acondicionamento dos petróglifos de 'Chan da Lagoa', 'Laxe da Rotea de Mendo', 'Pedra da Serpe', e 'Campo de Matabois', e xiraron principalmente en reintegrar os elementos deteriorados, mellorar o entorno e dotar de sinalización adecuada os mesmos

Sinalización no petróglifo 'Laxe da Rotea de Mendo'
Sinalización no petróglifo 'Laxe da Rotea de Mendo' / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro acaba de rematar unha actuación para a posta en valor das estacións rupestres de 'Chan da Lagoa', 'Laxe da Rotea de Mendo', 'Campo de Matabois' e 'Pedra da Serpe'. 

Esta acción acabábase de executar cando tivo lugar o recente atentado contra os petróglifos da 'Laxe da Rotea de Mendo', que serán obxecto dunha intervención por parte de técnicos de Patrimonio para a súa recuperación despois dos danos causados, así o declarou o goberno local.

Segundo o alcalde, Carlos Costa, a intervención promovida polo Concello na que se investirón uns 25.000 euros (uns 21.000 euros procedentes dunha subvención de Vicepresidencia da Xunta e case 4.000 euros da Deputación), pretende "conservar, poñer en valor e promocionar o legado dos nosos ancestros como revulsivo turístico e cultural para Campo Lameiro, capital galega da arte rupestre".

Os traballos realizados tiveron como obxectivo principal o acondicionamento dos petróglifos de 'Chan da Lagoa', ubicado no lugar de Parada, na parroquia de San Isidro de Montes; 'Laxe da Rotea de Mendo', en Lameiro, parroquia de San Miguel de Campo; 'Pedra da Serpe', no castro de Penalva e 'Campo de Matabois', no lugar de Caneda, na parroquia de Santiago de Morillas.

As actuacións xiraron principalmente en reintegrar os elementos deteriorados, mellorar a contorna e dotar de sinalización adecuada aos mesmos, co que se contribúe a aumentar a súa seguridade e difusión. Coas obras realizadas, segundo o alcalde, impídese o deterioro dos elementos, así como o acceso de animais ao petróglifo catalogado.

Dispuxéronse tamén paneis de madeira, colocando unha lámina de vinilo impresa co escudo e nome do concello así como o do petróglifo. Estes paneis colocáronse na zona de accesos no valado. Tamén se dispuxeron unhas placas de sinalización sobre as pasarelas realizadas en madeira con calcos indicativos dos distintos elementos.

Segundo o goberno local, tamén se levaron a cabo labores de reposición dos tablóns de madeira deteriorados que serven para confinar e delimitar os sendeiros. Ademais en todas as zonas de actuación procedeuse a una limpeza e roza manual de maleza e matogueira da zona comprendida dentro do valado e dunha franxa no perímetro exterior con recollida e transporte dos restos ao vertedoiro.

Arquivado en