Campo Lameiro, a capital da Arte Rupestre Galega e moito máis

Pontevedra
16 de novembro 2019

Este concello do interior da Mancomunidade de Terras de Pontevedra dispón dunha das concentracións máis importantes en calidade e cantidade de gravados rupestres, non só da Península Ibérica, senón tamén de Europa. Arte, paisaxes naturais, igrexias e pazos completan unha visita inesquecible

Centro Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro
Centro Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Visitar Campo Lameiro é descubrir a capital da Arte Rupestre Galega. Este pequeno territorio de 64 km cadrados, situado no interior da Mancomunidade de Terras de Pontevedra, dispón dunha das concentracións máis importantes en calidade e cantidade de gravados rupestres non só da Península Ibérica, senón tamén de Europa.

Neste concello está situado o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, que ademais de dispoñer dunha área arqueolóxica perfectamente habilitada para a visita, ten un Centro de Interpretación modélico, con preto de 5.000 metros cadrados de superficie de servizos. Área e centro xogan un importante papel na promoción da arte rupestre europea a través do Itinerario Cultural Europeo, CARP, Camiños de Arte Rupestre Prehistórica, asociación amparada polo Consello de Europa que agrupa practicamente todos os grandes destinos turísticos europeos baseados na Prehistoria.

Pero o patrimonio arqueolóxico de Campo Lameiro non está só no parque. Considerado como un dos castros máis antigos de Galicia (VIII - VII a C.), o Castro de Penalba é de obrigada visita. Situado no alto do monte, nun outeiro granítico de 423 metros de altitude, consta de dúas terrazas. A inferior esta circundada por unha muralla de pedra que tiña como funcionalidade, ademais da defensiva, a de conter a terra para permitir o asentamento. Na superior atopamos a ermida, onde se celebra a tradicional romaxe de Santo Antoniño de Penalba, e unha rocha chea de lendas coñecida como Pedra da Serpe. Nela represéntase unha forma de serpe de gran tamaño, aproximadamente 2 metros, aínda que hai expertos que postulan que se mostran dúas serpes no momento do apareamento.

A serpe é un motivo moi representado na arte galega, e esta é unha das súas representacións máis antigas, xa que este gravado se realizaría nos primeiros momentos da cultura castrexa. Na tradición, as serpes eran seres máxicos e unha manifestación na que a sociedade tradicional mostraba a súa ideoloxía en clave simbólica: "Os matrimonios sen fillos que queiran ter descendencia deben de ir a noite de San Xoán a copular sobre a pedra levando, como ofrenda, unha cunca de leite para que beban as cobras", conta a lenda.

Moi preto, ao pé do Castro, atópase Rotea de Mendo, unha rocha que presenta a figura dun gran cervo macho bramando. Sumarios exemplos dun patrimonio rupestre realmente espectacular.

Tamén é de destacar en Campo Lameiro o patrimonio natural, vinculado ás ribeiras do Lérez. Na parroquia de San Miguel de Campo, a escasos metros de Ponte Cuitián, atópase a Área Recreativa de Lodeiro, un dos lugares máis fermosos do río Lérez. As súas ribeiras, cheas de frondosas, acollen unha praia fluvial e son testemuñas da unión do río Lérez co seu afluente, o río Meneses. O feito de ser punto de partida da atractiva ruta dos muíños do Río Meneses, o merendeiro provisto de mesas e grellas, o coto de pesca e a praia fluvial, fan desta área recreativa un lugar ideal para o goce de todos os públicos.

Aparte dos numerosos gravados rupestres, Campo Lameiro conta con importantes igrexas e ermidas. Como mostra románica destacamos as igrexas de San Miguel do Campo e Santa Mariña das Fragas.

A igrexa de San Miguel do Campo conserva do primitivo templo un belo ábside semicircular que data da segunda mitade do sécuo XII. A portada é de estilo renacentista. xa que a transformación da nave e a cabeceira é do ano 1639, segundo figura nunha inscrición situada na fachada. Está decorada no seu exterior por curiosos canalóns e no seu interior por capiteis tallados con motivos vexetais e figuras humanas. No interior posúe un arco triunfal e un faixón con tendencia oixival, ambos os dous decorados e sostidos por curiosos capiteis.

Situado nun alto que ofrece unha fermosa vista sobre o val e rodeada de carballos, a igrexa de Santa Mariña das Fragas conserva unha fachada románica do século XII, enmarcada por dúas columnas adosadas. O máis interesante dela é o tímpano, no que aparecen tres personaxes: un bispo en actitude de bendecir e dous curas; o da esquerda porta un libro e o da dereita porta unha cruz. Resulta tamén moi interesante a decoración dos capiteis que flanquean a porta con temas historiados, con curiosas escenas de loita, aínda que se atopan moi desgastadas. O resto da igrexa é posterior xa que foi enteiramente reformada.

Ademais da arquitectura relixiosa, encontramos fermosas casas solariegas e pazos, nos que que podemos ver os escudos que adornan os seus muros, como a Casa das Cruces, Pazo de Ameixeiriñas, Pazo da Formigueira ou Casa de Betarra, que nos dan mostra da nobreza que protagonizou a historia de Campo Lameiro.

 

APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.

Descarga a app para Android e iOS neste enlace: terrasdepontevedra.org/descarga-app

Arquivado en