As concellerías de Educación e Cultura do Concello de Marín puxeron en marcha unha nova campaña de dinamización da lectura enfocada aos centros de ensino do municipio, coincidindo no período da celebración do Día do Libro, o 23 de abril e o Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Nesta ocasión ofertaron a todos os centros de ensino dúas actividades diferenciadas, co obxectivo de adaptar as actividades ás idades do alumnado.
Para o ciclo de infantil e os dous primeiros cursos de primaria programáronse contacontos de textos de Carlos Casares. Para os alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria os talleres serán os protagonistas da actividade, desenrolando unha pequena introdución sobre o autor protagonista das Letras Galegas 2017 e a explicación da súa bibliografía a través dun conto.
O programa deste ano tivo unha gran aceptación e participarán, de momento, oito centros educativos cun total de 882 alumnos.