A campaña da camelia encheu de visitantes o Castelo de Soutomaior. Durante os meses de febreiro e marzo, achegáronse máis de 4.500 persoas.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo balance das actividades da campaña da camelia e destacou que "tiveron un grande éxito".
Situou estas actividades no traballo da Deputación para "desestacionalizar o turismo" e para "internacionalizar a demanda" e destacou que o Castelo de Soutomaior é "bastión e un dos grandes atractivos turísticos do noso territorio".
Un 30% das persoas que participaron nas visitas guiadas da camelia ao longo do mes de marzo proviñeron de fóra de Galicia, na súa maioría de Madrid, Castela e León e Andalucía, pero tamén de Portugal e Francia.
As actividades tamén supuxeron a visita ao castelo de máis de 520 alumnos e alumnas de 12 colexios de Soutomaior, Vigo, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Cambados, O Porriño o A Cañiza.
Máis dun centenar de persoas participaron nos diferentes obradoiros de origami, pintura e ecoprint e nos contacontos organizados.
Este ano, unha das grandes novidades da programación foi o street scape, no que os participantes tiñan que resolver enigmas e probas nos xardíns do castelo.
Segundo os datos facilitados por Luís López, entre febreiro e marzo, preto de 1.000 persoas descargaron o QR para poder realizar esta actividade.