A ONCE elaborou mil camisetas coa ilustración estampada da Ponte do Burgo co fondo da cidade. A intención é vendelas para obter fondos que se destinen ao Banco de Alimentos de Pontevedra.
Póñense á venda por once euros cada unha, que ingresarán na conta do Banco de Alimentos de Pontevedra. As camisetas presentan as siglas PTV (Pontevedra de Toda a Vida), impresas en tinta e en braille, coa intención de que sexan utilizadas tamén por persoas cegas ou con discapacidade visual.
Juan Carlos Vilar Pérez, artista pontevedrés, realizou a ilustración e cedeuna de maneira gratuíta para esta proposta. Vilar recibiu numerosos galardóns durante a súa carreira artística como o premio de debuxo 'Antonio del Rincón', 'Felipe Orlando' ou o primeiro remio de pintura con motivos taurinos do Concello de Osuna.
O pontevedrés Miguel Carballeda, presidente do Grupo Social ONCE, xestou a idea de deseñar estas camisetas solidarias en liña aberta de colaboración con outras entidades sociais como é o caso dos Bancos de Alimentos.
As camisetas atoparanse á venda nas sedes da ONCE en Pontevedra situadas en Augusto González Besada, Luís Braille e na propia sede do Banco de Alimentos, situada en Faustino Santalices.