As obras de mellora do firme e ampliación do Camiño de Paradela, un dos accesos á Praza de Liñares, xa están rematadas.
Esta actuación, impulsada polo Concello de Poio, consistiu en rehabilitar o firme, que estaba nun estado importante de deterioro, con adoquinado de granito.
Con este investimento, complétase a batería de actuacións que se realizaron nos últimos meses na Praza de Liñares, onde se fixeron obras de humanización para poñer en valor todo o lugar e mellorar a seguridade e os servizos da veciñanza.
Así, colocouse unha nova superficie de empedrado, ampliouse a capacidade da rede de pluviais e eliminouse o pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro da praza.
Ademais deste investimento no Camiño de Paradela, nas últimas semanas tamén se mellorou o pavimento e a recollida de pluviais no Camiño de Liñares.
Entre estes dous proxectos investíronse preto de 120.000 euros para mellorar a mobilidade e seguridade de dúas vías municipais que contan cun tránsito moi importante.
Ambos son, segundo destaca o goberno municipal, accesos a Liñares e a servizos turísticos.