"Camiño despexado" para que a reforma da Rúa Santiña comece "en xaneiro ou febreiro"

Pontevedra
05 de decembro 2023

Civis Global será a empresa que execute a ansiada reforma da Rúa Santiña. A súa foi a proposta elixida pola mesa de contratación municipal, que analizou a seis ofertas presentadas a este proceso de licitación. A compañía acometerá estas obras por un importe de case 1.812.000 euros

Rúa da Santiña, Pontevedra
Rúa da Santiña, Pontevedra / Cristina Saiz

Civis Global será a empresa que execute a ansiada reforma da Rúa Santiña. A súa foi a proposta elixida pola mesa de contratación municipal, que analizou a seis ofertas presentadas a este proceso de licitación. 

A compañía acometerá estas obras por un importe de case 1.812.000 euros, o que supón unha notable rebaixa con respecto ao prezo de licitación, fixado inicialmente en 2.160.000 euros.

O edil César Mosquera explicou que, unha vez que a empresa entregue toda a documentación requirida para formalizar o contrato, estará o "camiño despexado" para adxudicar estas obras antes de que finalice este ano.

Os traballos sobre o terreo, segundo as previsións do Concello, poderían comezar "en xaneiro ou febreiro". A actuación afectará a uns 800 metros da Rúa Santiña, cunha superficie duns 6.600 metros cadrados, que pasarán a contar con preferencia peonil.

A intervención que está pensada en dous tramos: o primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa Rúa da Gándara.

A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando o percorrido. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas. 

Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións. 

Mosquera mostrou a súa satisfacción por poder desatascar esta obra, ao ser a Rúa Santiña o "último tramo significativo" do Camiño Portugués que quedaba por reformar en Pontevedra.