O Concello de Pontevedra prepara un fito histórico nas súas finanzas municipais ao anunciar a intención de deixar a débeda municipal a cero durante o presente exercicio 2025.
Así o confirmou Raimundo González, concelleiro de Economía e Facenda, nunha rolda de prensa celebrada este venres tras presentar os resultados da liquidación do orzamento de 2024 e a actualización das contas para o ano en curso.
Segundo explicou González, o Concello rexistrou un superávit de 15.159.000 euros no exercicio 2024, unha cifra notablemente superior á de exercicios anteriores.
Este resultado positivo débese principalmente a ingresos extraordinarios: 12 millóns procedentes dos fondos europeos Next Generation, que agora realizan anticipos e incrementan "os ingresos de xeito espectacular", e unha liquidación adicional de 7,4 millóns de euros en transferencias do Estado que chegou ao longo do exercicio.
"Imos amortizar toda a débeda do Concello para situala en débeda cero. Neste exercicio do ano 2025 queremos que pase deses seis millóns de débeda a cero. Esa é a decisión política que tomamos. Temos unha situación cuns ingresos extraordinarios que o permite e así os utilizaremos", sinalou o edil, ao anunciar que os actuais 6.990.000 euros de débeda municipal quedarán en cero neste exercicio, segundo a previsión que fai o goberno local.
Esta situación de débeda cero no Concello de Pontevedra será algo inédito na historia contemporánea e democrática da administración local, explicaba González.
O concelleiro de Economía e Facenda explicou tamén que o orzamento para 2025, aprobado o pasado luns en pleno e xa en vigor, situado en 98,63 millóns de euros queda agora incrementado.
Tras a liquidación do orzamento de 2024 realizada estes días, a cifra total increméntase en 31 millóns, elevando o orzamento para este ano a preto de 130 millóns de euros.
"Como xa sabedes, todas as obras que veñen do exercicio anterior, que estaban contempladas e cuxa licitación non comezou ou non rematou a súa execución, son prorrogadas e integradas nesta liquidación, como pode ser Rosalía de Castro, o pavillón de Monte Porreiro ou o campo de Salcedo", indicou González. "O novo orzamento pasa un chisco por riba dos 130 millóns e xa é firme e operativo".
O responsable municipal de Facenda destacou ademais que, durante 2024, o Concello cumpriu escrupulosamente coas regras fiscais establecidas pola Lei Montoro: regra de gasto, estabilidade orzamentaria, límite de débeda e período medio de pago. Esta situación favorable das contas municipais permitiu tomar agora a decisión de amortizar completamente a débeda.
González aclarou que este incremento nos ingresos é unha situación circunstancial que está a acontecer tamén noutros concellos do país e noutras entidades locais como as deputacións, debido principalmente aos anticipos dos fondos Next Generation.
"Oxalá fose estrutural, pero non o é, é algo puntual", matizou o edil.
O concelleiro lembrou que o Concello de Pontevedra xa se atopaba nunha moi boa situación financeira neste eido en comparación con outras cidades, habendo municipios coma Viveiro, Santiago de Compostela ou A Coruña con débedas superiores.