Cambios no Gorgullón tras a súa remodelación: invertirá o seu sentido de circulación

Pontevedra
14 de marzo 2017

O Concello segue avanzando na redacción do proxecto de reforma urbana do Gorgullón. Tras contratar unha asistencia técnica para que estude as necesidades do barrio e presente unha proposta, o goberno municipal anunciou que a súa rehabilitación virá acompañada de cambios na circulación

Rúa Gorgullón, Pontevedra
Rúa Gorgullón, Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello segue avanzando na redacción do proxecto de reforma urbana do Gorgullón. Tras contratar unha asistencia técnica para que estude as necesidades do barrio e presente unha proposta, o goberno municipal anunciou que a súa rehabilitación virá acompañada de cambios na circulación.

Así, Luís Bará avanzou que a rúa invertirá o seu sentido de circulación. Os coches poderán acceder a ela desde a zona da estación de autobuses e poderán chegar ata o cruzamento entre Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra.

Esa é a principal novidade que se coñeceu dunha obra coa que se pretende trasladar os estándares das rúas máis céntricas ao Gorgullón, para que sexa unha "porta de entrada digna" do Camiño Portugués en Pontevedra.

Ademais, a rúa non sería de tráfico continuo, senón que terá un tratamento residencial e para circulación de servizos.

Das tres transversais, entre o Gorgullón e Eduardo Pondal, só quedará aberta a primeira. Tanto a Rúa da Moa como a Rúa do Muíño deixarán de ter tráfico rodado. Segundo Bará, son rúas cunha pendente moi forte, polo que se intervirá mediante ramplas para mellorar a accesibilidade peonil e reducir o seu actual perigo.

As prazas de aparcadoiro manteranse no lado dereito da rúa, zona na que tamén haberá arboledo. Ademais, no inicio da rúa, fronte á terminal de autobuses, crearase unha praza máis ampla para que sirva como entrada do Camiño Portugués na cidade, aproveitando os xardíns existentes na actualidade.

VIRXE DO CAMIÑO

As obras de reforma urbana chegarán tamén á rúa Virxe do Camiño. Neste caso, a principal novidade é que desaparecerá a rotonda de Eduardo Pondal con Uxío Novoneyra. A súa función faraa na rotonda seguinte, próxima ás oficinas de emprego.

A zona actual terá un tratamento máis acorde coa accesibilidade e a mobilidade do Camiño Portugués, habilitando unha gran praza pública que contará con elementos informativos desta ruta xacobea.

En todo caso, non se interromperá o paso de vehículos por diante do hotel Virxe do Camiño, que seguirán tendo saída cara a Eduardo Pondal.

O resto da rúa quedará para un tráfico residencial e de servizos. En principio, só o tramo entre Mariscal Pardo de Cela e Sagasta terá plataforma única.