Adiántase ou se atrasa unha hora?

Pontevedra
29 de marzo 2025
Actualizado: 7:42

O cambio vén motivado polo aforro enerxético e por un mellor aproveitamento da luz solar

Cambio de hora. Ás 2:00 vai adiantarse ás 3:00 horas
Cambio de hora. Ás 2:00 vai adiantarse ás 3:00 horas / PontevedraViva

Durante a madrugada do sábado 29 ao domingo 30 de marzo, terá lugar un cambio de hora para pasar do horario de inverno ao de verán, grazas ao cal os días serán máis longos.

Este cambio de hora levará a cabo ás 02.00 horas, momento no que haberá que adiantar o reloxo ás 03.00 horas, polo que ese día terá 23 horas de duración, unha hora menos.

Este cambio leva o aproveitamento de máis horas de luz durante o día e manterase até o último domingo de outubro, cando volva establecerse o horario de inverno.

Con este costume que se remonta a 1974 con motivo da crise do petróleo búscase un aforro enerxético.

A pesar de que en 2019 o Parlamento Europeo aprobou a medida de eliminar o cambio de hora, isto non se implementou aínda, debido principalmente á falta de consenso entre os países.

Despois pospúxose a 2021, aínda que non chegou a facerse efectiva debido a ese desacordo.

Entre os argumentos de quen se opoñen a este cambio de hora aseguran que nalgunhas persoas a medida provócalles irritabilidade, falta de concentración, baixo rendemento laboral e insomnio. Tamén se relacionou con enfermidades que pon en risco a saúde como a obesidade, a diabetes, infartos, ictus, depresión ou ansiedade.

No verán de 2018 a Comisión Europea lanzou unha consulta pública en liña sobre o cambio estacional de hora, na que se obtiveron máis de catro millóns de respostas procedentes de 28 estados membros. Dos resultados alcanzados, desprendeuse que máis do 80% das persoas participantes mostrábanse a favor de que Europa deixase de cambiar a hora. Descubrir cales foron os impulsos que motivaron en cada país que as persoas participantes se decantasen por unha ou outra opción é o obxecto do estudo que o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jorge Mira Pérez, e o profesor da Universidade de Sevilla, José María Martín Olalla, acaban de publicar na revista Chronobiology International.

Os investigadores analizaron como se distribuíron as taxas de resposta a favor e en contra da actual política horaria e constataron que os países que iniciaban en media a súa actividade máis temperán foron os que mostraron unha maior oposición ao cambio de hora. Este achado é fundamental xa que evidencia que as opinións en contra do cambio horario obedecen a unha resposta fisiolóxica simple a estímulos externos.

O efecto principal do cambio de hora é o aumento das horas de luz durante o segmento de lecer na primavera e verán. "A xente aceptou ir traballar antes na primavera e verán se con iso saía antes, e podía gozar máis a tarde paseando, indo ao parque ou á praia, parece obvio, pero hai que dicilo", sinala o catedrático da USC.

Pola contra, a eliminación do cambio de hora enfróntase a un dilema de difícil solución ao ter que elixir que horario é o que debe permanecer: adiantar a hora de entrada ao traballo, no inverno, cando máis tarde amence, ou atrasar a hora de entrada ao traballo, no verán, cando máis cedo amence.

"É un dilema que non ten fácil solución", sinala Martín-Olalla que engade "o que explica as dificultades para eliminar unha práctica que funciona ben".

Pola súa banda, Jorge Mira indica que as posturas contrarias ao cambio horario "abriron unha caixa de Pandora, exacerbaron as críticas a unha práctica natural que funciona razoablemente ben e agora temen que o remedio sexa peor que a enfermidade".