A Consellería de Sanidade informou este sábado dun incremento de 6 casos activos de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés co que o total de infectados sitúase en 210 persoas. Na última xornada detectáronse 27 novos contaxios.
É a primeira subida desde o 4 de febreiro. Entón marcouse o pico da terceira onda con 2.613 casos e ata este sábado foise reducindo este número.
A área sanitaria mantén 12 pacientes con covid ingresados en planta de hospitalización. Concretamente son 11 os pacientes ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 1 no Salnés.
Ademais hai 4 pacientes críticos na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo. Así mesmo, permanecen 194 casos evolucionando nos seus domicilio cunha sintomatoloxía leve.
Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 12.258 enfermos (21 máis que no día de onte) e faleceron por este virus na área Sanitaria 161 pacientes.
En canto a realización de probas PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 431, que se engaden ás 177.928 xa efectuadas desde o inicio da pandemia nesta área sanitaria.
CONCELLOS
A Consellería de Sanidade notificou que no Concello de Pontevedra hai este sábado 45 casos activos, son 6 menos que o venres. En Marín son 21 casos, un menos que onte e en Poio seguen os mesmos 18 casos que había onte.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.563, son 12 menos que o día anterior, deles 1.007 son da área da Coruña, 216 da de Lugo, 159 da de Ourense, 210 da de Pontevedra, 487 da área de Vigo, 271 da de Santiago e 213 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 205 en unidades de hospitalización e 2.305 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 110.773 persoas curadas, rexistrándose 2.316 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 1.795.741.