Cambio de roles pola seguridade dos pacientes: unha enferma con Crohn explica a súa experiencia aos sanitarios

Pontevedra
17 de setembro 2024

A doente Carme Otero foi este martes a protagonista da conmemoración do Día Mundial da Seguridade do Paciente no Hospital Montecelo. Tomou a palabra nunha sesión clínica explicando a sanitarios pontevedreses a súa experiencia como paciente con enfermidade de Crohn

Día Mundial da Seguridade do Paciente no Hospital Montecelo
Día Mundial da Seguridade do Paciente no Hospital Montecelo / Sergas

A doente Carme Otero foi este martes a protagonista da conmemoración do Día Mundial da Seguridade do Paciente  no Hospital Montecelo. Tomou a palabra nunha sesión clínica explicando a sanitarios pontevedreses a súa experiencia como paciente con enfermidade de Crohn. 

Esta sesión clínica foi pioneira, pois, por primeira vez, unha paciente explicou a súa realidade aos sanitarios. Con esta iniciativa, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés fai seu o lema da conmemoración deste ano 2024, que avoga pola escoita activa para mellorar os diagnósticos baixo o lema "¡Diagnósticos correctos, pacientes seguros!".

Carme Otero contou a súa experiencia dende o seu paso polo servizo de Urxencias ata o seu diagnóstico e seguimento na Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal  de Pontevedra. Salientou a "empatía e atención sen paternalismo" que recibe por parte dos profesionais do CHUP.

A sesión clínica estivo moderada polos doutores Modesto Martínez, xefe de Sección da Unidade de Calidade; e Daniel Carpio, responsable da Unidade de EII do Servizo de Dixestivo.

A atención baseada no paciente non é un concepto novo para esta unidade, tal e coma explicou o seu responsable. "Dende hai anos intentamos incorporar ao paciente, na medida do posible, na toma de decisións", salientou o doutor Daniel Carpio, quen tamén puxo en valor ás asociacións, apuntando que "os pacientes con experiencia poden ser clave á hora de tranquilizar a persoas recentemente diagnosticadas".

Esta unidade conta cunha enfermeira de práctica avanzada e cunha especial sensibilidade na formación do paciente na súa doenza. "Dende o primeiro momento ofrecéronme recursos validados por profesionais para informarme, pero sen dúbida, o principal apoio emocional e de información foi por parte da enfermeira Raquel Díez", incidiu Carme Otero.