Cambio de imaxe na Deputación e presentación do orzamento máis alto da institución: 189 millóns de euros

Pontevedra
02 de novembro 2023

O novo goberno provincial vai centrarse no investimento, emprego e proxectos de futuro, con 10,3 millóns de euros destinados ao Museo de Pontevedra. O cambio de imaxe corporativa da institución provincial, agora en cor verde, "nace para perdurar" e simboliza a intención de tender pontes ao municipalismo con propostas de transformación e de abrirse a outras institucións

Luis López, presidente da Deputación, presenta a nova imaxe corporativa
Luis López, presidente da Deputación, presenta a nova imaxe corporativa / Mónica Patxot

O grupo de goberno da Deputación vestiuse de gala, con diversos elementos en verde en liña coa nova imaxe da entidade, para baixar as escaleiras do Pazo Provincial este xoves 2 de novembro para ofrecer no vestíbulo ante un amplo número de persoas un acto de presentación da nova imaxe corporativa da institución e expoñer o orzamento previsto para o ano 2024.

Luis López, presidente provincial, iniciaba o acto afirmando que "hai días que se esperan con ilusión". 119 días máis tarde da toma de posesión do novo goberno provincial preséntase a nova imaxe "inspirada na provincia e na Deputación", apuntou o máximo representante da institución. 

A imaxe utiliza tres arcos simbolizando unha tripla ponte que une á cidadanía, municipios e outras administracións, segundo explicaba o mandatario. "Nace para perdurar", engadiu López explicando que non se utiliza nin o vermello nin o azul para evitar a relación con partidos políticos. A única cor que se emprega é o verde para remarcar as siglas DPO, admitiu. 

O presidente indicou que a imaxe forma parte da liña do goberno provincial na que se busca centrar a atención no municipalismo, a transformación da provincia e abrindo proxectos en colaboración con outras institucións. "Menos sectarismo", apuntou Luis López. 

Chachacha Studio, empresa viguesa, con colaboración de persoal da Deputación, foi a encargada do deseño da nova imaxe corporativa. Non se facilitou, polo momento, a contía do gasto que supón este cambio de imaxe.

ORZAMENTOS 2024

Luis López tamén avanzou os orzamentos previstos para o 2024 na institución pontevedresa. Serán os máis elevados historicamente ao alcanzar os 189,2 millóns de euros; incrementando en 7,6 millóns (+4,2%) os actuais.

Céntranse en catro grandes bloques: investimentos, emprego, gastos correntes e proxectos de futuro que fomenten a transformación municipal. 

42,8 millóns de euros irán destinados a investimentos, incrementándose un 9,5 %. "É o maior plan de obras e servizos da historia da Deputación. Falamos dun 9 % máis que o do ano pasado", especificou López en relación con estas partidas "municipalistas".

No ámbito de colaboración e apoio, este servizo de cooperación chega aos 66 millóns de euros, 9,3 millóns máis que o orzamentos de 2023. Inclúese o Plan +Provincia comunitaria con dous millóns de euros e, dentro deste, o Plan +Aqua para comunidades de usuarios de auga. Contémplanse tamén os convenios específicos para Vigo e Pontevedra, con 7,5 millóns de euros de entrada, que poderán incrementarse atendendo aos proxectos.

En deportes, a partida alcanza os 5,5 millóns, +19%, aos que se suman 4 millóns do plan extraordinario de infraestruturas deportivas, chegando en total a 9.5 millóns de euros.

En turismo, o orzamento sitúase preto de 5,6 millóns de euros, sendo o crecemento de 1,8%. López indicou que finalizan programas europeos para este obxectivo e a Deputación fará un esforzo para seguir potenciando esta área.

No apartado de cultura destínanse 4,7 millóns de euros e, en concreto, ao Museo de Pontevedra destinaranse 10,3 millóns de euros, cun incremento do 3,2%.

Consolídase o servizo novo de Xuventude e Reto demográfico para potenciar as oportunidades da poboación xuvenil disporá de 1,2 millóns de euros. Tamén se aumenta a partida destinada aos centros propios da Deputación: a Finca de Mouriscade contará con 4,9 millóns de euros (16,5%); o Centro Príncipe Felipe, con 13,1 millóns (+4,4%); a Estación Fitopatolóxico do Areiro, con 400.000 euros (+15,8%); e a Escola de Enfermería, con 500.000 euros (+5,6%).

Luis López: "Somos unha institución que tende pontes, levamos case 190 anos en pé, conectando cidadáns"

En canto ao persoal, o orzamento contempla a subida en retribución do persoal dun 3% e a recuperación do complemento especial de dedicación técnica, que alcanzan ata os 4.700 euros ao ano. Tamén se crearán 26 novos postos de emprego público.

"Somos unha institución que tende pontes, levamos case 190 anos en pé, conectando cidadáns de sitios distintos para que se xunten na provincia. Temos sólidos piares, confianza, rigor e proxecto definido, orzamento forte e todas as ganas para levalo a cabo", apuntaba Luis López, para asegurar que "seguimos sendo unha referencia institucional sólida fronte as correntes que queren derrubar todo o bo que levamos construíndo ata hoxe. E seremos aínda moito máis forte se entre todos fortalecemos eses piares e nos seguimos conectando e estou convencido de que así será", concluíu.

Despois da presentación, o mandatario recoñeceu que a situación económica actual tamén axuda a lograr estes orzamentos históricos. "Canta máis inflación, máis recursos recibimos. Cantos máis impostos pagan os cidadáns, as administracións se ven beneficiadas", argumentou indicando que a subida de carburantes, IRPF e cotizacións axudan á elaboración destes orzamentos. 

A intención do presidente é que o 14 de novembro, o documento sexa debatido no pleno deste mes coa vista posta en que, pasado o período de alegacións, chegue a aprobarse de maneira definitiva na sesión prevista para o 22 de decembro.

Por último, Luis López confirmou que en relación á rehabilitación do Convento Santa Clara manteñen contacto co estudo de Nieto Sobejano, gañador do concurso para a reforma, coa idea de que manter a esencia do proxecto con modificacións."Están dándolle os retoques ao que precisa Santa Clara e a cidade de Pontevedra", afirmou expoñendo que se buscan melloras para axilizar os prazos para a execución do proxecto coas variacións apuntadas desde a vicepresidencia que lidera Rafa Domínguez.

  • Este é o vídeo realizado pola Deputación de Pontevedra coa nova identidade corporativa: