Cambio de cuberta na nave de piragüismo en Combarro para acabar coas filtracións de auga

Poio
28 de decembro 2024

A finais de outubro o Concello de Poio aceptou as condicións de Portos de Galicia para asumir a concesión da nave, un requisito imprescindible para que xa poidan investir na súa mellora

Nave de piragüismo en Combarro
Nave de piragüismo en Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio proxecta a substitución da cuberta da nave do Club Piragüismo Poio, en Combarro, para dar así solución aos graves problemas de filtracións que acumula a instalación desde hai décadas e que dificultan a práctica deportiva no seu interior.

O proxecto contempla renovar a cuberta da nave, cun investimento que supera os 50.000 euros e que se financiará con cargo ao plan provincial de infraestruturas deportivas.

Trátase dunha actuación que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, "é prioritaria e unha necesidade para ofrecer unhas instalacións dignas aos deportistas".

Moldes recorda que despois de décadas sufrindo esta situación de filtracións continuas, a finais de outubro deste ano aprobouse no pleno asumir a concesión da nave titularidade de Portos de Galicia, un requisito imprescindible para que o Concello puidese investir na instalación.

"Non queríamos continuar cos mesmos parches que se fixeron nos últimos anos e que se demostrou que non servían de nada", subliñou o alcalde, que considera que moitos dos problemas que hai agora "son froito das chapuzas e remendos" que se fixeron durante anos.

A solución definitiva para que non siga chovendo dentro da nave será repoñer toda a cuberta.

A mellora da nave de piragüismo de Combarro súmase, segundo destaca o goberno municipal, a outros proxectos executados polo Concello de Poio para mellorar as instalacións deportivas.

Así, recordan que se puxeron en funcionamento dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, inaugurouse a pista pump-track, melloráronse os problemas de condensación no pavillón de Lourido e se ampliou o horario e os controis de acceso ao ximnasio municipal.

Ademais, recordan que está en proxecto a creación dunha pista multideporte en Vilariño.