Cambados volveu ser este domingo o punto de referencia ao que miran galegos e visitantes e todos os amantes do viño. A LXXII Festa do Albariño 2024 celebrou o seu día grande coa habitual representación institucional e atención dos medios de comunicación, demostrando a boa saúde do evento e do Capítulo Serenísimo do Albariño.
"Se ao albariño lle vai ben, a Galicia seguro que lle vai ben", sinalou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que presidiu o acto de investidura das novas Donas y Cabaleiros do Capítulo Serenísimo da Orden do Albariño e a entrega das distincións de 'Albariñenses de Honra', 'Follas de Prata' e 'Xóvenes Albariñenses'.
A festa comezou xa pola mañá polas rúas de Cambados e o seu momento álxido chegou a partir do desfile de autoridades e confrarías gastronómicas invitadas, que percorreron o centro da vila para concluír no Pazo de Fefiñáns para o acto de investidura.
Este ano entraron a formar parte da listaxe de Donas do Albariño María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural; e Miriam Vázquez Vázquez, de Adegas Rectoral do Umia. E son novos Cabaleiros do Albariño Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra; Luis Sánchez Merlo, ex director xeral do Ministerio de Relacións coa Comunidade Europea; e José Ramón Villanueva Piñeiro, viticultor e socio fundador de Martín Códax.
A distinción de 'Albariñenses de Honra' foi para a Confederación de Empresarios de Galicia e a televisión Canal Rías Baixas e son 'Follas de Prata': Josema Azpeitia Salvador, Francisco Bello Bello, Hernando Gómez Buceta, Xosé Manuel Merelles Remy, Inés Castro Mougán, Laura Portas Núñez, Antoni Sanz Olmedo e Aurora Vidal Cabanillas.
O recoñecemento de 'Xóvenes Albariñenses' foi para Miguel Alonso Estévez, Susana Gulín Martínez e Eduardo Viéitez Martínez.
Ante todos eles e as decenas de persoas que enchían o recinto, Alfonso Rueda sinalou o sector vitivinícola como un dos atractivos turísticos de Galicia. Así, destacou que nesta terra hai "moitos sitios referentes que se poden visitar durante todo o ano" e "entre as cousas que merecen a pena, sen ningunha dúbida" está "o viño que aquí se fai, como se fai, onde se fai, e quen o fai".
Rueda eloxiou o traballo de todos os adegueiros e viticultores e o papel da Festa do Albariño e deu a noraboa ás novas Damas e Cabaleiros, que teñen a partir de agora a "enorme" honra de defender o viño albariño "como señor de todos os viños".
Augurou que se o traballo co albariño se segue a facer "con ese mimo e con esa visión de futuro", como se fai agora, as cousas irán ben para o sector.
Despois de ser investido como novo cabaleiro do Albariño, Luis López sinalou que "recibir a capa de cabaleiro do Albariño é un orgullo" e destacou que este domingo púxose "o broche de ouro a cinco días de celebración que demostran por que Cambados e as Rías Baixas son o mellor destino para desfrutar do enoturismo".
Lembrou que a vila celebra "a festa do viño máis antiga de Galicia e a segunda de España", que a provincia conta con máis de 180 adegas e máis de 5.000 profesionais agrupados baixo unha denominación de orixe que "é sinónimo de excelencia, calidade e profesionalidade" e que esta festa bate récords de visitantes.
"Os viños Rías Baixas son os mellores embaixadores da nosa provincia", rematou o presidente, que deu os parabéns a todas as persoas e entidades implicadas na organización deste evento, "unha experiencia 100 % Rías Baixas".
Ao remate, tocou seguir gozando co Xantar do Albariño no Parque de Torrado, o último gran acto central de cinco días desta Festa de Interese Turístico Internacional.