Cambados, elixida Ciudad Española do Viño 2024

O Salnés
20 de outubro 2023

Trátase dun título creado este ano desde a Asociación Española do Cidades do Viño (ACEVIN) co obxectivo de potenciar o enoturismo e a cultura vitivinícola

Praza de Fefiñáns
Praza de Fefiñáns / Concello de Cambados - Arquivo

A Asociación Española de Cidades do Viño (ACEVIN) elixiu a Cambados como primeiro representante da Cidade Española do Viño.

Trátase dun título creado este ano co obxectivo de potenciar o enoturismo e a cultura vitivinícola.

Cambados resultou elixida durante a celebración da Asemblea Extraordinaria de ACEVIN celebrada o pasado día 16 de outubro en Madrid. 

Segundo a asociación a implicación e o apoio de administracións, asociacións e empresas do territorio, ademais do programa de actividades previsto, foron algúns dos aspectos determinantes para a elección.

As actividades durante este próximo ano estarán enfocadas a dar a "coñecer, vivir e gozar da viña, o viño e a paisaxe, apoiándose no patrimonio natural, industrial, cultural, as tradicións e o legado vitivinícola do territorio, tendo moi presente o medio e o desenvolvemento rural sostible no ámbito territorial enoturístico", explicou a presidenta de ACEVIN, Rosa Melchor.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, manifestou que este título de Cidade Española do Viño, ao igual que en 2017 o de Cidade Europea do Viño e en 2018 o de Mellor Municipio Enoturístico de España, "non fai máis que confirmar a posición de Cambados como referente na cultura do viño e o turismo a nivel nacional e internacional".

O rexedor cre que "exercerá de catalizador para atraer máis visitantes interesados na cultura do viño, o que propiciará unha influencia moi positiva na economía local. Levamos meses traballando no proxecto presentado que contempla multitude de actividades que teñen como obxectivo que tanto os cambadeses e cambadesas como os visitantes poidan coñecer, vivir e desfrutar da viña, do viño e da paisaxe".