Cambados amosará a súa oposición á sentenza xudicial polo caso da Manada cunha aperta á Naiciña

O Salnés
29 de abril 2018

A cita está prevista para este domingo 29 de abril ás 20.00 horas na praza Francisco Asorey ante o monumento da Naiciña. O colectivo de mulleres fai un chamamento á participación de toda a cidadanía co material reivindicativo

Monumento da Naiciña
Monumento da Naiciña / Concello de Cambados

O colectivo A Naiciña de Cambados organizou para este domingo 29 de abril ás 20.00 horas unha concentración para manifestar a súa oposición á sentenza do tribunal da Audiencia de Navarra no caso da Manada. Este colectivo de mulleres considera o fallo inxusto e cualifica á xustiza española como "patriarcal". 

Por este motivo, o colectivo decidiu concentrarse ao entender que o medo non pode someter ás mulleres e provocar que se cuestionen a súa liberdade. "Nin cinco nin un home ten dereito a decidir sobre nós. Non é non", sinalan desde esta agrupación.

Fan unha invitación a que todas as persoas do municipio se acheguen ata a praza de Asorey fronte á escultura da Naiciña, emblema cambadés da muller galega.

Durante este acto está previsto que se lea un manifesto e vestirase á imaxe da Naiciña co lazo violeta, símbolo da loita das mulleres. Ademais está previsto dar unha aperta colectiva á figura.

Tamén se anima aos asistentes para levar material reivindicativo como pancartas, globos, debuxos e demais obxectos que expresen os sentimentos ante esta sentenza xudicial.