Cambados acollerá un Festival Rías Baixas

Pontevedra
31 de xaneiro 2017

O próximo 25 de marzo arrincará cunha Gala na praza de Fefiñáns o programa de actos organizados polo Concello de Cambados con motivo da súa designación como Capital Europea do Viño

Carmela Silva na rolda de prensa xunto a Fatima Abal, José Ramón Aba e Santos Héctor
Carmela Silva na rolda de prensa xunto a Fatima Abal, José Ramón Aba e Santos Héctor / Mónica Patxot

O próximo 25 de marzo arrancará, cunha gala na praza de Fefiñáns, o programa de actos organizados polo Concello de Cambados con motivo da súa designación como Capital Europea do Viño.

O Concello traballa da man da Deputación de Pontevedra para dotar de contido a este importante nomeamento. Con tal motivo reuníronse este martes a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor, coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal e o concelleiro de enoturismo, José Ramón Abal.

Carmela Silva desvelou que unha das 80 actividades programadas para este ano será un Festival Rías Baixas que terá como sede Cambados. Será na primavera e estará deseñado conxuntamente polos organizadores dos sete festivais máis importantes que se celebran na provincia.

A presidenta tamén informou en rolda de prensa que a igualdade de xénero dará contido a unha parte moi importante das actividades que se están programando e que formarán parte dun convenio que asinarán proximamente a Deputación e o Concello.

Pola súa banda, o concelleiro José Ramón Abal, explicou que ademais da música e o deporte, o programa tamén inclúe unha exposición de obras da Escola de Canteiros, rutas de sendeirismo e actividades gastronómicas como showcookings e exhibicións gastronómicas.

Segundo Carmela Silva trátase de "deixar o listón tan alto" que a próxima Cidade Europea do Viño "o teña case imposible de superar" polo que convidou o resto de administracións públicas a sumarse a este programa de actividades.

A este chamamento tamén se sumou a alcaldesa de Cambados que agradeceu o apoio da institución provincial cun acontecemento que "para nós supón un orgullo e unha responsabilidade moi grande".