A educación e a divulgación cobraron maior protagonismo que nunca na edición 2015 dos Premios Cidade de Pontevedra. Os galardóns entregáronse, como é habitual, nun pleno de honras celebrado coincidindo coa festividade de San Sebastián, patrón do municipio. Este ano o púbico estivo copado pola comunidade educativa do instituto de secundaria Luís Seoane, premiado na categoría de persoas xurídicas, e por afíns ao traballo do profesor Calros Solla, galardoado como persoa física.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que presidiu o Pleno, destacou este aspecto no seu discurso de peche do acto ao destacar que os Cidade de Pontevedra "este ano teñen un indubidable sesgo educativo", e non só porque un centro de ensino público está entre os premiados, senón porque a obra do escritor Calros Solla contén unha indubidable dimensión divulgativa.
Os escolares do IES Luís Seoane non só cobraron protagonismo cando se levantaron no momento en que Lores entregou a placa conmemorativa ao director do centro, Carlos García, e romperon en aplausos, tamén ao termo do Pleno, pois empezaron a subir un a un e fundirse en abrazos co seu director e, como colofón a un acto cargado de tinguiduras reivindicativas en defensa da educación pública, fixeron unha foto de familia.
O xurado concedeu o premio ao Luís Seoane, pero entendéndoo como un recoñecemento a "todo o barrio de Monte Porreiro" como símbolo de valores sociais como "compromiso, interculturalidade, inclusión, solidariedade". Carlos García, que recolleu o premio en nome de toda a comunidade educativa, agradeceu, precisamente, que este non é só un premio ao centro, "isto témolo moi claro", senón que é un recoñecemento a un traballo compartido cos pais do alumando, os veciños do barrio e os outros centros educativos públicos, EI Fina Casalderrey e EP Marcos da Portela.
O director quixo facer unha defensa "forte, aberta e sen paliativos" da escola pública como garantía da igualdade de oportunidades, "inclusiva, equitativa, igual para nenos e nenas, crítica, reflexiva e libre" e da escola como un "camiño para conseguir un mundo máis xusto, igual e sostible".
Lores insistiu en que con este premio se recoñece o traballo da educación pública como "auténtico motor do equilibrio e o avance social" e tamén a un dos espazos "máis senlleiros de Pontevedra", Monte Porreiro, un lugar que achega á cidade de Pontevedra uno dos seus principais valores colectivos, "o da convivencia nun barrio no que todas e todos puxemos moito esforzo en que non acabara convertido nunha desas urbanizacións periféricas que arrodean as cidades sen arte nen xeito".
No caso de Calros Solla Varela, o xurado valorou a súa traxectoria como narrador e cronista do río Gafos, defensor da biodiversidade "un grandísimo promotor do patrimonio inmaterial". Fiel ao seu perfil de poeta e divulgador, o seu discurso de agradecemento polo premio tomou forma de poema, un texto en galego recitado sobre o escenario cargado de sentimento e que espertou un larguísimo aplauso do público:
"A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente, como pode amar un fillo a súa nai. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis alá da miña propia morte. Se o xurado entendeu que por este amor entrañábel se me debe distinguir co Premio da Cidade de Pontevedra, recibireino como unha beizón máis por ela. Fago canto podo por Galiza e faría máis se puider. Até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser soterrado".
Lores defendeu que o traballo de Calros Solla é un "gran motivo de fachenda" para Pontevedra, pois tanto a súa dimensión como poeta como os seus dotes de divulgador, unido ao amor pola natureza,"fan da súa personalidade un magnífico expoñente desa Pontevedra apaixonada polas cousas máis exquisitas da vida" e aproveitou para reivindicar o traballo de defensa do Gafos e o labor realizado neste campo por Vaipolorío.