Caloroso entroido en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
18 de xuño 2017

Segundo o Concello o público, que ateigaba todas as rúas do percorrido, case dobraba ao asistente na última edición. Sinalan tamén unha importante repercusión para a hostalería local e cheo total na Alameda para o comezo da verbena

Entroido de verán en Ponte Caldelas
Entroido de verán en Ponte Caldelas

O goberno local de Ponte Caldelas, que este ano adoptou a medida de desdobrar o Entroido, celebrando unha festa de disfraces a cuberto en inverno e un desfile na rúa ao comezo do verán, está moi satisfeito co resultado acadado nesta primeira edición.

O dato que máis valora o equipo municipal é o "enorme éxito de público", pois os espectadores ateigaban a totalidade do percorrido, composto polo paseo da Calzada, rúas da Ponte, Marín e Alameda.

Aínda que é difícil calcular o número total de asistentes, para o goberno local quedou claro que foron "varios milleiros de persoas chegadas de diversos lugares que, unha vez rematada a hora e cuarto de desfile, encheron os bares e cafeterías ata ben entrada a madrugada" e gozaron da verbena final que se ofreceu na Alameda despois da entrega de premios no medio dunha gran animación.

A repercusión, tanto en atracción de visitantes, como en impacto económico na vila foi "moi destacada", segundo estas mesmas fontes.

O xurado cualificador demorouse moi poucos minutos para decidir que, en comparsas, o primeiro premio fora para Os da Caña, seguidos de Os Paparrulos. No apartado de grupos resultaron premiados, por esta orde, As Marchosas de Arcade, Priscilla Raíña de Samieira, No Son dos Mariachis, Dando a Nota e Miúdos. En individual e parellas mereceron premios Os Marchosos Heroes do Entroido, A Raíña das Bolboretas e os Peluchosos. Finalmente, en categoría infantil o premio foi para La Ludo Marina.

O goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, tomarase un tempo para recoller agora todas as opinións dos participantes e tamén do empresariado local despois desta novidosa experiencia do Entroido de Verán de Ponte Caldelas.

Buscábase fuxir do frío e do risco sempre presente de aprazamentos por mor da choiva e os temporais. O acerto, dende ese punto de vista foi total. A resposta do público foi espectacular e o único punto feble está no menor número de comparsas participantes, debido ás dificultades que moitas alegan para reunirse nestas datas. Aínda así, as impresións a pé de rúa en Ponte Caldelas eran máis que positivas.

O xurado cualificador mantivo as primeiras conversas cos participantes nas distintas categorías, onde a satisfacción era a nota predominante. Por este motivo, indicaron que estan diante dunha experiencia que "necesita algúns anos para acabar de coller corpo", sobre todo no apartado de comparsas. Non obstante, foi moi maioritaria a impresión de que o éxito do vivido onte en Ponte Caldelas animará a moitos concellos a programar para finais de xuño, e mesmo principios de xullo, e acabar así, definitivamente, cos inconvintes meteorolóxicos do Entroido en inverno.

O outro gran obxectivo era acadar un verdadeiro ambiente festivo aproveitando o tirón do Entroido, pois no inverno é habitual a fuxida xeral xusto despois do remate do desfile. A gran diferenza con este ano estivo, non só na maior afluencia, senón en que todo ese público encheu logo de ambiente nocturno á rúa e á hostalería local. Un aspecto que o goberno local valora especialmente pois aseguran que as festas deben ser, antes que nada, un polo de actividade económica.

Arquivado en