Calor pontevedresa para unha refuxiada afgá de 107 anos

Pontevedra
25 de xaneiro 2017

O IES Seoane de Monte Porreiro enviará 70 caixas de roupa de abrigo e 50 mantas tecidas a man pola comunidade educativa do centro aos campos de refuxiados de Lesbos, Idomeni e Tesalonica, en Grecia; e os de Malta, Xordania e Siria a través da Families4peace e a Fundación Seur

A comunidade educativa do IES Luis Seoane empaqueta mantas e roupa de abrigo para os campos de refuxiados
A comunidade educativa do IES Luis Seoane empaqueta mantas e roupa de abrigo para os campos de refuxiados / IES Luís Seoane

A solidariedade da comunidade educativa do IES Seoane e o seu traballo dos últimos meses xa ten destinatario final. As mantas tecidas a man por alumnado, profesorado e familias sairán entre este mércores e este xoves cara aos campos de refuxiados de Lesbos, Idomeni e Tesalonica, en Grecia; e os de Malta, Xordania e Siria e a ONG encargada da súa repartición, Families4peace, xa lles deu algunha pista sobre a quen chegarán.

Os datos finais é imposible coñecelos, pero si coñecen detalles curiosos como que unha das mantas será para unha refuxiada afgá de 107 anos que vive nun dos campos de Lesbos, Kara Teper, unha peza de abrigo que sempre lle resultará útil, pero moito máis no momento actual no que a onda de frío está a cebarse cos refuxiados que malviven en campos de refuxiados de toda Europa, en especial cos máis de 60.000 asentados nos gregos.

Neste centro educativo de Monte Porreiro puxeron o mesmo agarimo na elaboración das mantas que na recollida de roupa de abrigo para que axude aos refuxiados para facer fronte ás temperaturas baixo cero ás que se enfrontan a diario, e non menos no traballo de empaquetado de todo o material.

Finalmente, foron 70 caixas de roupa de abrigo entre a recollida en Monte Porreiro e a que lles chegou desde a facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. A maiores, hai que sumarlle un total de 50 mans de distintos tamaños, a maioría de 2x1,5 metros, elaboradas no centro.

Todo este material enviarao aos campos de refuxiados a ONG Families4peace no marco da campaña 'Abriga o teu corazón' a través da Fundación Seur. Unha vez nos campos, distribuiranse en función das necesidades coa intención de cubrir todas as demandas e non coñecerán as caras de quen se beneficie da roupa doada, pero Families4peace si lles adiantou que poderán poñer cara a quen reciba as mantas que teceron coas súas propia mans.

En Monte Porreiro saben que toda axuda é pouca para quen tivo que deixar a súa casa fuxindo da barbarie dos enfrontamentos armados nos seus países, pero confían en poder chegar a todos e senten especialmente orgullosos da presenza de caixas con roupa e mantas para bebés, pois o frío non entende de idade e a solidariedade tampouco.

Arquivado en