Cales son as subidas que chegan este 1 de xaneiro?

Pontevedra
01 de xaneiro 2023

Coa entrada do novo ano 2023 prodúcense unha serie de cambios que afectan o peto da cidadanía

Facendo a compra no supermercado
Facendo a compra no supermercado / Mónica Patxot

Coa entrada do novo ano 2023 prodúcense unha serie de cambios que afectan o peto da cidadanía. 

CESTA DA COMPRA

O Goberno central aprobou a supresión do IVE de alimentos básicos, como o pan ou o leite e a redución do 10% ao 5% o IVE do aceite e a pasta durante seis meses. Quedan tamén exentos deste imposto ata o 30 de xuño fariñas panificables, queixos, ovos, froitas, verduras, hortalizas, legumes, patacas e cereais.

Tamén baixou o IVE do 10% ao 4% para os produtos de hixiene feminina, como tampones, compresas e protegeslips, así como para os preservativos e anticonceptivos non medicinais.

TRANSPORTE E CARBURANTES

Soben os carburantes, ao eliminar o Goberno a bonificación de 20 céntimos a condutores particulares.

Increméntanse nun 4% as peaxes. Así, a viaxe pola autoestrada AP-9 da Coruña a Pontevedra sae en 13,90 euros, Ferrol-Pontevedra por 16, 60 euros, Santiago-Pontevedra por 6,40 euros, de Vigo a Pontevedra custa 4,32 euros e de Tui a Pontevedra 7,33 euros.

Galicia continuará cos descontos no transporte autonómico a partir do 1 de xaneiro. A bonificación aplícase tanto nos buses interurbanos como os servizos urbanos de Pontevedra. O desconto do 50% nos billetes aplicarase nas tarifas dos bonos multi viaxe e das tarxetas de Movilidad de Galicia, TMG e Xente Nova.

LUZ, GAS, TELEFONÍA

As facturas da luz e o gas este inverno manterá o IVE rebaixado ao 5%, polo menos durante o primeiros seis meses de 2023. E o prezo da bombona de butano mantense nun custo máximo de 19,55 euros ata a súa próxima revisión. 

A tarifa regulada do gas (TUR) subirá un 8,67% con respecto ao valor vixente ata outubro. 

Coa chegada de 2023, operadoras como Movistar e Vodafone soben os prezos dalgunhas das súas tarifas de teléfono e internet, para axustalas ao incremento do IPC. 

PENSIÓNS, AUTÓNOMOS E AXUDAS

As pensións non contributivas e o ingreso mínimo vital subiron coa entrada do ano un 15%, mentres que as contributivas revalorizáronse desde o 1 de xaneiro un 8,5%, conforme ao IPC. Así, a pensión media de xubilación elevouse 107 euros ao mes, situándose en 1.367 euros mensuais. 

Tamén aumenta o Indicador de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), que pasa de 579 a 600 euros. Isto é importante porque é un índice de referencia para conceder prestacións de desemprego e axudas.

Rebáixanse as cotas de autónomos que gañen menos de 1.300 euros, pero aumenta para aqueles traballadores por conta propia que superen os 1.700 euros de ganancias mensuais. 

Prorrógase o cheque de 200 euros para familias con rendas inferiores a 27.000 euros ou a posta en marcha da Lei de Familias, que inclúe unha axuda de 100 euros a todas as nais con fillos de 0 a 3 anos a cargo.

ALUGUEIROS, PRESTAMOS, SELOS

Así mesmo, prorrógase ata o 31 de decembro de 2023 o tope do 2% para a actualización dos alugueiros, en vigor desde o mes de marzo. 

Ademais o Euribor a 12 meses pechou o mes de decembro por encima do 3% o que encarecerá os préstamos. 

Os selos de Correos soben un 4%. Así, no caso das postais normalizadas e en envíos de ata vinte gramos a destinos nacionais pasan de custar 0,75 a 0,78 euros.