O Concello de Poio sumarase unha vez máis á celebración do Día de Rosalía de Castro cun acto que combina cultura, tradición e gastronomía.
A cita terá lugar este xoves, 20 de febreiro, ás 12.30 horas no Casal de Ferreirós, e contará cunha lectura colectiva da obra da escritora, a degustación do "Caldo de Gloria" e unha actuación musical.
A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, destacou que esta iniciativa responde á proposta da fundación que promove o culto á memoria de Rosalía de Castro, co obxectivo de achegar á veciñanza a importancia da figura da escritora galega máis universal.
"Queremos que a cidadanía participe e disfrute dunha homenaxe que combina a súa obra literaria coa nosa tradición culinaria", explicou Sabarís.
O acto comezará cunha lectura colectiva do poema "Miña casiña, meu lar", na que participarán representantes da corporación municipal e varios colectivos locais.
A continuación, as persoas asistentes poderán degustar unha cunca do "Caldo de Gloria", un prato humilde inspirado no poema de Rosalía, no que a poeta describe a elaboración deste caldo como un símbolo da épica diaria da supervivencia. Este ano, o restaurante La Nueva Parada será o encargado de preparar esta receita tradicional.
Para pechar o acto, a Asociación Cultural Vides Novas interpretará varias pezas musicais, poñendo o broche final a unha homenaxe que busca manter viva a memoria de Rosalía de Castro e a súa conexión coa cultura e a identidade galega.
Programa do acto:
12.30 horas: Lectura colectiva do poema "Miña casiña, meu lar".
Degustación do "Caldo de Gloria", elaborado polo restaurante La Nueva Parada.
Actuación musical da AC Vides Novas.