Caldas quere ser epicentro europeo na produción e uso industrial de hidróxeno para obter metanol verde

Umia
25 de outubro 2022

Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, destaca a importancia da iniciativa Green Umia promovida por Foresa e Iberdrola en Caldas de Reis. Trátase dun proxecto declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria pola Xunta de Galicia cun investimento de 40 millóns de euros e a intención de crear 35 empregos directos

Representantes de Foresa con Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta, nas instalacións en Caldas
Representantes de Foresa con Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta, nas instalacións en Caldas / Xunta de Galicia

Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, visitaba este martes Caldas de Reis para coñecer con detalle aplanta de metanol verde que as empresas Iberdrola e Foresa proxectan crear na vila.

Trátase dunha alianza estratéxica entre as dúas empresas co obxectivo de desenvolver esta iniciativa denominada Green Umia. Segundo o conselleiro a proposta é relevante desde o punto de vista técnico ao integrar nunha mesma localidade a produción e o uso industrial de hidróxeno para, a continuación, obter metanol verde. 

Na actualidade, Europa non produce metanol verde e o proxecto de Foresa é integrar este elemento baixo en carbono dentro do seu proceso produtivo. A Xunta declarou esta proposta como Iniciativa Empresarial Prioritaria e, segundo Conde, trátase dun dos proxectos máis destacados dentro da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.

O investimento ascende a 40 millóns de euros coa intención de producir preto de 3.000 toneladas anuais de metanol verde que, entre outras posibilidades, destinaríase á fabricación de resinas, colas e adhesivos. Está prevista a creación de 35 empregos directos nesa nova liña de produción.

Francisco Conde destacou tamén que a futura planta industrial terá un impacto no tecido económico da contorna e subliñou que a proposta se atopa dentro dos principios de economía verde e circular. Para diminuír o impacto ambiental dispoñerá dunha planta de tratamento que aproveite os fluxos de augas residuais rebaixando as cantidades que se precisan no proceso industrial. Tamén está previsto que utilice enerxía eólica como fonte de subministración eléctrica. 

A Xunta de Galicia concedeu apoios por unha cantidade de 2,3 millóns de euros a Foresa, empresa produtora de Formaldehido e Adhesivos con sede en Caldas e centros en Portugal e Francia.