O Concello de Caldas pon en marcha un plan de conservación do patrimonio histórico do municipio que contempla 60 actuacións coas que poñer en valor os recursos patrimoniais, divulgar o seu coñecemento entre a cidadanía e favorecer a actividade turística.
Trátase de "traballar na protección e conservación do patrimonio co fin de preservar a nosa identidade histórica, artística e cultural", explica a concelleira María López. Pola súa banda, o edil Manuel González engade que parte dos proxectos contemplados no plan atópanse xa en marcha ou en fases iniciais. Neste sentido, lembrou que "a conservación do patrimonio é unha dás prioridades estratéxicas deste mandato en materia de Obras e singularmente da zona ARI".
Ambos os concelleiros encargáronse de presentar este martes o novo Plan Municipal de Restauración e Conservación do Patrimonio Histórico municipal para o período 2021-2023. O obxectivo é o de manter nun adecuado estado de conservación o legado de recursos con valor patrimonial, cultural, histórico e artístico co que conta o Concello de Caldas de Reis.
O plan servirá como ferramenta para a planificación de diferentes actuacións que levarán a cabo tanto con fondos propios como mediante achegas doutras administracións. O programa divídese en varios apartados como o fontes, pontes, centro histórico, obras de arte, patrimonio arqueolóxico, patrimonio eclesiástico, xardín botánico, carballeira, patrimonio industrial ou Camiño Portugués. Ademais, prevén realizar tamén investimentos en materia de interpretación do patrimonio, sinalización do mesmo e publicacións sobre cultura e patrimonio de Caldas