O Concello de Caldas iniciou a tramitación das primeiras solicitudes de reembolso dos gastos por desprazamentos para atención sanitaria.
Tal e como se aprobou por unanimidade (PSdG, PP e BNG) na última sesión plenaria, o Concello está disposto a facerse cargo dos gastos adicionais derivados da asistencia sanitaria básica para as persoas máis vulnerables que non son atendidas no PAC de Caldas por falta de persoal.
Estes gastos serían xestionados a través de emerxencia social e para iso, o Departamento de Benestar Social do Concello empezou a estudar as solicitudes correspondentes e a regular o procedemento que se seguirá nestes casos tanto para desprazamentos, atención sanitaria noutros centros e gasto en produtos farmacéuticos.
Ao mesmo tempo, séguense recibindo no Concello denuncias por parte de veciños que protestan polo mal funcionamento do Centro de Saúde e o PAC de Caldas, que continúa moitos días sen persoal médico para atender as urxencias extrahospitalarias.
PROPOSICIÓN NON DE LEI
Por outra banda, o deputado socialista responsable da área de Sanidade, Julio Torrado, reuniuse este martes co equipo de goberno de Caldas para coñecer de preto a problemática da falta de atención médica no PAC que atende tamén aos municipios de Cuntis, Moraña e Portas, trasladándolles a Proposición non de Lei presentada ante a Mesa do Parlamento de Galicia para a súa discusión nas próximas semanas, na que se insta á Xunta de Galicia "a cubrir as baixas dos e das profesionais sanitarios no centro de saúde de Caldas de Reis para non volver a atoparse coa reiterada situación de non ter atención e ter que ser derivados a outras vilas, onde tampouco existe a seguridade de ser atendidos".
Á súa vez, o alcalde anunciou a súa intención de asistir á manifestación en defensa da sanidade pública convocada polo BNG o vindeiro domingo, ás 12 do mediodía, desde a Plazuela ata o Centro de Saúde.
Ao mesmo tempo, informou que o vindeiro martes, ás 18 horas, celebrarase unha reunión con organizacións sociais, sindicais e políticas no Auditorio Municipal coa finalidade de crear unha Plataforma SOS Sanidade Pública na comarca de Caldas. Na mesma analizarase a situación dos centros de saúde, pediatría e do PAC, e valoraranse medidas de presión ante a administración para buscar saídas á mesma.