Caldas ilumina as súas rúas para un Nadal cheo de esperanza

Umia
21 de decembro 2020

As luces e a decoración de Nadal chegaron a espazos tan emblemáticos como a praza das Palmeiras ou as fontes históricas da Burga ou a do Bermaña, e rúas como a Real, a Alhóndiga, o Campo da Torre, a rúa Fornos, San Roque, Souto María López ou a Ferrería

Iluminación e decoración de Nadal en Caldas de Reis
Iluminación e decoración de Nadal en Caldas de Reis /

A veciñanza, o comercio, a hostalería e o Concello de Caldas de Reis están a contribuír a que a vila termal encha as súas rúas de luces e sexa un reclamo para os visitantes dende os puntos de Galicia que non teñen restricións de mobilidade.

O resultado é un aspecto moito máis festivo e acolledor dalgunhas das principais rúas e espazos do casco histórico e doutros lugares como son a rúa Real, a Alhóndiga, o Campo da Torre, a rúa Fornos, San Roque, Souto María López ou a Ferrería. A ornamentación de Nadal chegou tamén ás fontes históricas da Burga ou a do Bermaña, así como a Praza de Abastos e outros espazos tan emblemáticos como a praza das Palmeiras.

A orixe desta especial ornamentación remóntase a dous anos atrás, cando os residentes da rúa Fornos decidiron de maneira participativa darlle un aspecto máis alegre e xerar ambiente festivo. A proposta foi callando entre a veciñanza doutras zonas da vila ata alcanzar neste 2020 a súa mellor versión.

O Concello de Caldas lembra que tamén ten moito que ver neste "espírito de Nadal" a achega da Asociación da Hostalaría, a Asociación de Amigos do Nadal e o Centro Comercial Aberto de Caldas que, coa colaboración do Concello e a implicación veciñal así como dos sectores de proximidade, están facendo da ornamentación un orgullo para os caldenses e un eixo de dinamización social e comercial.

Así mesmo, Amigos do Nadal e Hostalería puxeron en marcha un ano máis, coa colaboración do Concello, o concurso de decoración de fachadas, fiestras e balcóns co obxecto de ambientar as rúas nestas datas e incentivar o consumo nos establecementos locais. O prazo de inscrición vén de rematar e a partir do martes 22 de decembro comezará o proceso de rexistro de todas as solicitudes de participación para proceder posteriormente á súa valoración. Entregarase un primeiro premio por valor de 200 euros, dous segundos de 100 euros e catro terceiros de 50 euros cada un.

Polo seu lado, o Centro Comercial Aberto, co apoio municipal e implicación da cidadanía, fomenta a decoración de rúas e comercios con motivos de Nadal para darlles ambiente e favorecer a animación comercial e social nesta época do ano. Paralelamente, o Concello activou a campaña "Eu merco en Caldas", na que se contemplan diferentes accións de reactivación e apoio ao pequeno comercio.

Esta actuación compleméntase co reforzo do alumeado de Nadal para levar a iluminación a novas rúas, a instalación de fío musical e a adaptación da decoración ás características de cada rúa e praza para favorecer a mellor integración e conseguir o máximo atractivo destes espazos públicos.