O Concello de Caldas deu a coñecer este martes os detalles da programación dunha festa que "queremos reforzar e consolidar como referente dentro da comarca da nosa comarca" e para iso, o Concello vén de introducir substanciosas novidades no programa.
A primeira cita, e un dos principais atractivos, é o Desfile do Entroido que se celebrará o domingo 11 de febreiro e que terá a saída do paseo Román López ás 17:00 horas.
Como principais novidades do desfile será o incremento nas dotacións económicas do concurso, de preto do 40% sobre as da edición do 2023, así como a incorporación de novas categorías. Deste xeito, a contía total dos premios supera os 6.000 euros.
Pero este non será o único atractivo do evento, xa que, tal e como adiantou Fariña, a comitiva estreará un novo percorrido polo casco urbano da vila. "Queremos animar á participación do maior número de grupos, parellas e persoas posibles", apunta Manuel Fariña.
Nas categorías de Grupos (por un lado adultos e por outro infantís) estará dividido segundo o número de integrantes: Na categoría entre 3 e 10 participantes haberá tres premios de 200, 150 e 100 euros, respectivamente. Na categoría de 11 ou máis participantes os premios serán de 400, 300 e 200 euros. Pola súa parte os centros educativos e ANPAS teñen unha categoría especial con tres premios de 400, 300 e 200 euros. Tamén se recoñecerán as mellores carrozas con premios importantes para os tres primeiros cunha dotación de 400, 300 e 200 euros, respectivamente. Tres premios tamén se repartirán na categoría de Parellas, tanto de adultos como infantís, con premios de 175, 120 e 80 euros. No apartado de categoría individual os premios serán de 120, 90 e 75 euros. Tamén se contemplan uns premios especiais de Mellor Animación, con 200, 150 e 100 euros para todos os participantes que máis animen no desfile.
O responsable de Cultura informou, asemade, que o prazo de inscrición abrirá a partir do xoves día 25 de xaneiro e poden realizarse de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, no Concello, así como o propio día do desfile, entre as 15.00 e as 16.30 horas, no Auditorio Municipal.
O xurado encargado de puntuar os disfraces e deseños estará composto por representantes de diferentes entidades municipais.
O tenente de alcalde e edil de Cultura, o nacionalista Manuel Fariña, anuncia unha nova actividade dentro da programación do Entroido 2024 que será a I Festa Infantil de Máscaras, onde as crianzas serán as grandes protagonistas do Entroido de Caldas de Reis e que se desenvolverá o día 12 de febrero a partir das 17.30 horas na Praza de Sesto Casal e que está prevista a actuación dun espectáculo de rock infantil a cargo de Pakolas e sesión de DJ.
ENTERRO DA SARDIÑA
O venres, día 16 de febrero será o turno do tradicional "Enterro da Sardiña", que convocará a toda a poboación ás 20:00h na Praza de Sesto Casal e que estará amenizada pola Banda Municipal de Música de Caldas de Reis e o Grupo de Gaitas As Espiñas, onde terán lugar a lectura das letanías e unha gran chocolatada, coa posterior procesión polas rúas de Caldas e lanzamento do querido peixe no Umia.