Caldas entrega os premios do concurso de decoración de xanelas, balcóns e fachadas por Nadal

Umia
31 de decembro 2021

O primeiro premio, dotado con 200 euros foi en vales compra, foi para Mª Dolores Domínguez Baltar. A organización e o Concello destacaron a ampla participación non só a nivel particular, senón coa implicación de barrios e rúas enteiras da Vila Termal

Premiados no Concurso de Decoración de Balcóns, Xanelas e Fachadas por Nadal
Premiados no Concurso de Decoración de Balcóns, Xanelas e Fachadas por Nadal / Concello de Caldas de Reis

O salón de Plenos do Concello de Caldas de Reis acolleu este mércores a entrega de premios do primeiro Concurso de Decoración de Balcóns, Xanelas e Fachadas por Nadal, organizado pola Asociación de Amigos do Nadal, a Asociación de Hostaleiros e a colaboración do Concello. Nestas festas Caldas de Reis loce un ambiente festivo moi especial grazas a esta iniciativa e aos esforzos comunitarios na ornamentación de rúas e espazos públicos aos que se suma unha ambientación municipal que tamén se viu reforzada.

O concurso contou cun total de 102 participantes dos que un xurado composto por representantes da organización e do Concello outorgou 9 premios que se repartiron da seguinte maneira: O primeiro premio, dotado con 200 euros, foi para Mª Dolores Domínguez Baltar. Os dous segundos premios, dotados con 100 euros, foron conseguidos por José Antonio Senín Santos e Uxía González Álvarez. Finalmente, o xurado entregou 6 terceiros premios dotados con 50 euros cada un a Luisa Mª Piñeiro Suárez, Ana Rodríguez Gómez, Ana Mª Moreira Zarategui, Mª José Abalo Olveira, Paula Rivas da Cruz, e Mª Paz Freitas Rodríguez.

Os premios foron entregados en vales de compra intercambiables no comercio e na hostalería de Caldas. As persoas premiadas terán ata o 30 de xaneiro para facelos efectivos.

Con esta proposta os colectivos implicados na organización pretenden non só que a vila termal luza ambientada en Nadal, senón tamén dinamizar o comercio e a hostalería local. Tanto a organización como o Concello, que colaborou na iniciativa, destacaron a ampla participación non só a nivel particular, senón coa implicación de barrios e rúas enteiras da Vila Termal, que apostaron por poñer en valor os espazos públicos con guirnaldas, luces e demais elementos decorativos propios do Nadal.

O xurado realizou unha mención especial polo seu esforzo e dedicación aos veciños da rúa Souto de María López, ou á familia de Charo Fariña. Esta iniciativa parte da recentemente creada Asociación de Amigos do Nadal, formada entre un grupo de veciños encabezados pola súa presidenta, Ángeles González Rodríguez, para implicar nun ano tan complicado ao comercio e á veciñanza no obxectivo de recuperar o espírito tradicional do nadal. A organización quixo agradecer a toda veciñanza, participantes ou non no concurso, o esforzo realizado en poñer un toque de cor e ilusión ao Nadal caldense.

O alcalde, que foi o encargado de entregar os premios xunto co concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, puxo en valor unha iniciativa "que serviu para que Caldas se convertese nun referente do Nadal en toda Galicia atraendo a atención de numerosos visitantes". Juan Manuel Rey deulles a todas as persoas que se implicaron na decoración de fachadas, balcóns, fiestras, comercios e rúas favorecendo a dinamización comercial e convidando a desfrutar dos espazos públicos da Vila Termal.