Caldas enche o Nadal de roscón con chocolate, música e obradoiros

Umia
01 de decembro 2023

O Concello de Caldas quere que o Nadal se deixe notar na vila e vén de presentar unha programación para as festas chea de música, chocolate e obradoiros: haberá actividades case diarias entre o 2 de decembro e o 5 de xaneiro

Decoración de Nadal en Caldas
Decoración de Nadal en Caldas /

O Concello de Caldas quere que o Nadal se deixe notar na vila e vén de presentar unha programación para as festas chea de música, chocolate e obradoiros: haberá actividades case diarias entre o 2 de decembro e o 5 de xaneiro. 

O tenente de alcalde Manuel Fariña pretende que a vila sexa "un fervedoiro de actividade, cultura e ocio para a veciñanza e as persoas visitantes" e por iso, dende as concellerías que dirixe, deseñouse o calendario máis completo dos últimos anos con moitas actividades descentralizadas tamén nas parroquias.

Baixo o título 'Vive o Nadal!', haberá accións para todos os gustos e idades, incluíndo unha ludoteca entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro no Alfonso VII (con reserva) para que as crianzas poidan gozar do Nadal permitindo a conciliación de nais e pais. 

Haberá tamén un mercado de Nadal na Prazuela entre o 15 e o 17 de decembro, visitas de Papa Noel aos centros de ensino (os días 20 e 21) e polas rúas de Caldas (o 23 e 24 de 16.30 a 20.30 na Praza Doutor Sesto Casal), música coa ESMU con concertos entre o 18 e o 21 (19.30h), e cine infantil o 26 e 27 de decembro nos cines Avenida (17:00h).

A programación arrincará este sábado día 2 cunha chocolatada ás oito da tarde na rúa Souto de María López. O chocolate e o típico Roscón de Caldas de Reis serán tamén o eixo central dunha das actividades que máis se repetirá, o 'Choconadal', que misturará sempre a música co reparto -de balde- de ambos os dous doces entre a veciñanza participante. 

No caso de mañá o 'Choconadal' irá por Reirís –San André- a partir das 21 horas, facendo  un percorrido, para despois gozar dunha actuación do Trío Premium acompañada do chocolate e o roscón de Caldas (22h). Ao día seguinte, o domingo 3, a actuación será en San Clemente (19h) con concerto de Fanfarría Furruxa; o martes 5 será en Bemil (20.30h) con concerto da Escola de instrumentos tradicionais de Suso Vaamonde; o mércores 6, día festivo, Fanfarría Furruxa chegará ás 20.30h ao Saiar; o xoves 7 o concerto será en Tivo (20.30h) a cargo do grupo folclórico As Espiñas; o sábado 9 en Carracedo (20.30h) cos Gaiteiros da Maquía de Godos; o xoves 14 en Godos (20.30h); e finalmente o xoves 28 en Arcos da Condesa (20.30h) tamén coa Agrupación folclórica As Espiñas.

Haberá tamén celebracións varias, como a Festa na honra da Virxe de Rosario o venres 8, con pasarrúas e concerto de Fanfarría Furruxa e do Coro parroquial de Arcos da Condesa ás 19h en Casaldrago-San Clemente. O domingo 10 terá lugar unha andaina solidaria que terá un prezo de 3 euros máis unha achega de alimentos, partindo ás 10h do Paseo Román López (inscrición previa). Tamén o domingo ás 19h no Auditorio Municipal haberá teatro coa peza 'Testosterona' de Teatro Malasombra dentro do programa provincial 'Tornar ás Táboas'.

O mércores 13 en Arcos da Condesa haberá festexos na honra de Santa Lucía a cargo do Coro parroquial de Arcos da Condesa. O venres 15 será a quenda do 'Apalpador e a nena sen medo', un contacontos e monicreques a cargo de 'A xanela maxín', destinado a crianzas de máis de tres anos (18h-Biblioteca municipal), e con inscrición previa.

A fin de semana, o sábado 16 haberá unha 'Papanoelada solidaria' a cargo da peña moteira 'Os Keimaos', que fará unha recollida de alimentos; mentres o domingo 17 haberá unha Gala de Nadal do Club Roli (19h Pavillón municipal), e un concerto de Nadal da Coral Polifónica de Caldas (19.45 Igrexa de San Tomé). 

Xa o venres 22 terá lugar un obradoiro de adobíos de Nadal no que poderán participar, con inscrición previa, nenos de máis de 3 anos (18h Biblioteca municipal) e o sábado 23 celebrarase o 50 aniversario do CPI Alfonso VIII no Auditorio municipal.

Chegando o fin de ano, o venres 29 no Saiar celebrarase un concerto da Escola de instrumentos tradicionais de Suso Vaamonde na honra de Santo Estevo de Saiar. Xa o  sábado 30 desenvolverase o Trofeo Caldas Vila Termal na Piscina municipal ás 10.30h para as categorías absoluta e máster e ás 16h para alevín, infantil e cadete, mentres que pola tarde farase a Festa Pre-Fin de ano infantil, con obradoiros infantís e 'O recuncho de elfos pintores' (17h) e un concerto de 'Pakolas' (18.30h).

Entrado xa 2024 o xoves día 3 terá lugar un 'Obradoiro máxico de Reis' dirixido a nenos de máis de 6 anos dende as 17 horas no Auditorio municipal, para o sábado 5 facer a tradicional Cabalgata de Reis dende as 18horas saíndo do Paseo Román López. 

"Non queremos que ninguén quede na casa", apunta Fariña, destacando que xunto á iluminación de Nadal deste ano, a programación busca a socialización e potenciar a vida comercial da vila, e promover o ambiente festivo "nunhas datas moi especiais".