O Bloque Nacionalista Galego de Caldas de Reis denuncia o que entenden que é unha demora "inxustificada" na sinatura do convenio para a construción do novo centro médico da vila termal.
Indican que hai un ano que o Concello aprobou o borrador do texto e acordara coa Consellería de Sanidade a cesión e urbanización dos terreos necesarios para a obra.
O tenente de alcalde e voceiro nacionalista, Manuel Fariña, amósase especialmente crítico coa ausencia dunha partida específica nos orzamentos autonómicos de 2025 para esta infraestrutura sanitaria.
"Non ten sentido agardar máis cando está en xogo a saúde dos veciños caldenses", afirma Fariña, quen considera que a licitación das obras debería realizarse neste primeiro trimestre do ano.
"Está todo listo para asinar e a obra é unha prioridade absoluta para nós como Concello. Agora a Xunta ten que demostrar o seu compromiso con Caldas de Reis e dar o empurrón final", subliña o edil nacionalista, quen lamenta que "as boas palabras non se concreten en feitos".
O BNG tamén denuncia o rexeitamento por parte do PP de todas as emendas presentadas sobre Caldas nos orzamentos autonómicos, non só en relación ao centro de saúde, senón tamén para a mellora e saneamento do río Umia.
Neste sentido, os nacionalistas demandan un Plan Integral para a mellora ambiental da bacía, que inclúa a avaliación da posible demolición do encoro, actualmente fonte de problemas de contaminación por cianobacterias.
Entre outras actuacións pendentes, o BNG reclama a recuperación das praias fluviais, o dique e a contorna da fábrica da luz, así como a limpeza xeral da ribeira e a eliminación da pranta invasora Egeria Densa, co obxectivo de devolver ao Umia o seu estado natural.
Fariña critica ademais que o goberno de Alfonso Rueda non amose "empatía algunha" coas necesidades da vila termal, atendendo só "a contagotas" reclamacións históricas como a reforma do instituto, unha obra que, segundo o edil, "vai a pedais".