Caldas de Reis rozou a plena ocupación na Semana Santa

Umia
19 de abril 2022

Caldas conseguiu practicamente a plena ocupación hoteleira durante a Semana Santa, segundo datos facilitados ao Concello por diferentes establecementos. A presenza constante de peregrinos que percorren o Camiño Portugués e a celebración do Torneo Internacional de Fútbol Vila de Caldas contribuíron a encher as rúas e os aloxamentos, restaurantes e cafeterías de Caldas

Dúas peregrinas en Caldas de Reis
Dúas peregrinas en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Caldas conseguiu practicamente a plena ocupación hoteleira durante a Semana Santa, segundo datos facilitados ao Concello por diferentes establecementos. A presenza constante de peregrinos que percorren o Camiño Portugués e a celebración do Torneo Internacional de Fútbol Vila de Caldas contribuíron a encher as rúas e os aloxamentos, restaurantes e cafeterías.

Caldas conta actualmente con máis de 1.400 prazas de aloxamento en 110 establecementos distintos, dos que 8 son hoteis, 2 hoteis-balnearios, 3 casas de turismo rural, 24 pensións, 6 albergues e 66 vivendas de uso turístico.

A moi boa valoración da clientela desta oferta de aloxamento e dos servizos turísticos permitiu que o ano pasado Caldas de Reis fose premiado como un dos 10 destinos turísticos máis acolledores de España polo portal web de viaxes Booking nos seus Traveller Review Awards.

O alcalde, Juan Manuel Rey, valora moi positivamente estes datos e confía en que "o resto da primavera e o verán continuará este alto nivel de ocupación contribuíndo ao desenvolvemento económico e do emprego da nosa vila. Tamén está prevista a apertura de novos establecementos e servizos turísticos o que confirma as boas expectativas turísticas"

TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL

A estes bos datos de visitas ao municipio tamén contribuiu o "VIII Torneo Internacional Vila de Caldas 2022", disputado no Campo Municipal de Fútbol das Corticeiras a pasada fin de semana e no que participaron 16 equipos de categoría benxamín, 16 de categoría alevín e 14 das categorías benxamín B e alevín B. O torneo tivo por primeira vez dimensión internacional coa presenza de varios equipos de Portugal e de Francia: o F.C. Vizela, municipio irmandado con Caldas, o Áncora Praia F.C., e o Saint Denis-de-Pile.

Os vencedores do torneo foron a Unión Deportiva Santa Mariña de Vigo, en categoría alevín, e o Bertamiráns F.C., en categoría benxamín. O Caldas C.F. gañou en categoría alevín B e o Umia en categoría benxamín B. 

O presidente do Caldas Club de Fútbol, Miguel López Furnol, agradeceu o apoio dos colaboradores e patrocinadores e valorou como "un éxito de participación, con case 500 deportistas, e de organización, o que nos motiva para comezar a preparar o torneo do ano próximo no que esperamos convidar a novos equipos de ámbito nacional e internacional".

O alcalde agradeceu "a presenza de dous mil persoas provenientes doutras vilas de Galicia e de Portugal e Francia que se desprazaron ata Caldas para seguir os partidos en directo e gozar da nosa vila".