Caldas de Reis reivindica o empoderamento da muller

Umia
03 de marzo 2020

A iniciativa lévase a cabo por vez primeira vez no municipio e en colaboración co Centro Comercial Aberto, coa Asociación de Hostaleiros e coa Praza de Abastos

Caldas de Reis presenta a súa campaña polo 8 de marzo
Caldas de Reis presenta a súa campaña polo 8 de marzo /

O concello de Caldas de Reis presentou este martes a nova campaña municipal de sensibilización posta en marcha co gallo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro día 8 de marzo.

Precisamente, baixo o lema "Todos os días son 8 de marzo" o Concello pretende, en palabras da edil de Igualdade, Inés Fuentes, "reivindicar o empoderamento da muller durante todo o ano e non só en datas sinaladas e fomentar a unión na loita pola igualdade e os dereitos das mulleres".

A iniciativa, que se leva a cabo por vez primeira en Caldas de Reis, desenvólvese en colaboración co Centro Comercial Aberto, coa Asociación de Hostaleiros e coa Praza de Abastos. No acto tamén estivo presente o alcalde, Juan Manuel Rey, o concelleiro de Educación, Jacobo Pérez e representantes do comercio local.

Inés fuentes explicou "que lle serán entregados a cada empresa participante 3 círculos troquelados no deseño seleccionado coas frases ou palabras de empoderamento impresas de maneira que buscamos que os cidadáns se deteñan diante dos escaparates e tomen conciencia ao tempo que se fomenta a visibilidade e, polo tanto, as vendas nos establecementos".

En total entregaranse 300 círculos e serán decorados uns 200 escaparates. "Se as mulleres paramos o mundo para; camiñamos xuntas; quero ser libre e non valente; somos o berro das que xa non teñen voz" son algunhas as consignas que dende hoxe poderán verse nos comercios e locais de hostalería da vila, tinguindo as rúas de loita e reivindicación feminista.

Con esta nova campaña, que se suma ás demais actividades lúdicas e educativas programadas con motivo do 8M, o Goberno municipal "quere reafirmar o seu compromiso para avanzar en materia de Igualdade".