Este sábado 7 de outubro a área recreativa de Paradivas, en Caldas de Reis, terá lugar a VI Xuntanza Moteira da Peña Os Keimaos, coa que colabora o Concello de Caldas.
O primeiro tenente de alcalde Manuel Fariña prevé unha altísima participación debido ao bo tempo e tamén ás interesantes actividades previstas. Ademais, subliñou, as expectativas son altas tamén porque é a primeira concentración despois do parón dos últimos anos, tomando Caldas o relevo do concello de Moraña, onde non foi posible a celebración.
Segundo Fariña, o Concello de Caldas está moi interesado en acoller iniciativas destas características, eventos turísticos e de deporte de motor con moito seguimento. "É unha forma de turismo na que estamos interesados", subliñou o nacionalista. De feito, dende a Concellería de Cultura facilitarase a celebración poñendo a disposición a colaboración do persoal de Protección Civil e a Policía Local ademais de dar unha pequena achega económica á agrupación organizadora.
Dende a peña Os Keimaos destacaron que o lugar de celebración, a área recreativa situada a carón do encoro do río Umia, no lugar de Paradivas, está "en perfectas condicións para que todas as persoas asistentes poidades desfrutar dela".
Lembran que xusto detrás da área existe una senda de un quilómetro bordeando as augas do Umia e unha carballeira nova "pero moi bonita que sen dúbida vale a pena pasear", ademais de dispor de cancha de tenis e pista de baloncesto abertas ao público.
O programa da xuntanza comezará ás 12:00 horas coa apertura de inscricións. Ás 17.30 horas farase a saída moteira pola zona e ás 19.30 horas terá lugar a pinchada de carneiro e porco ó espeto. Tamén haberá un sorteo dunha roda.