O Concello de Caldas de Reis colabora na organización dunha andaina polas marxes do Umia impulsada por iniciativa veciñal que ten o obxectivo de informar e dar a coñecer a gran variedade de especies que habitan os ecosistemas deste curso fluvial. Terá lugar o vindeiro sábado, día 5 de setembro, con saída dende a zona das Corticeiras e final na cascada de Segade.
Ao longo do traxecto as persoas participantes irán observando e identificando as diferentes especies tanto animais como vexetais (aves, anfibios, insectos, plantas, etc.) presentes nunha contorna natural de enorme valor biolóxico. As persoas interesadas poden apuntarse a través do teléfono 986 54 00 02 ou do enderezo cultura@caldasdereis.comindicando asunto, nome, DNI e teléfono de contacto.
Dentro do enorme abano de biodiversidade que ten nas augas do Umia o seu fogar, as grandes protagonistas da xornada serán as libélulas e os cabalos do demo ou, como Santiago Monteagudo gosta en denominar a estas especies: "pequenos dragóns". Monteagudo é un afeccionado experto coñecedor da ribeira do río Umia e leva anos estudando a súa riqueza biolóxica.
O sábado acompañará ás persoas participantes na andaina e guiará os procesos de observación e identificación. Como sinala, as libélulas son especies catalogadas como biomonitores, isto é que son especies moi sensibles a cambios nos ecosistemas e que, polo tanto, permiten valorar a calidade da auga e o estado de conservación dun río.
Como explica Santiago Montegudo, responsable do blog sobre natureza "Entre el agua y el aire", Caldas é un enclave ideal para a vida das libélulas e os cabalos do demo. "Trátase dunha conca onde conflúen varios ríos, con pozas, augas bravas, augas calmas e, en definitiva, un ambiente hidrográfico extraordinario e diverso no que estas especies atopan o ecosistema apropiado para desenvolver o seu ciclo de vida ", sinala.
Grazas a estas condicións, Santiago Monteagudo ten rexistrado nas canles fluviais do termo municipal ata 35 das 50 especies que habitan Galicia.
Ademais de libélulas e cabalos do demo destaca a presenza nas ribeiras do Umia de especies singulares e recollidas baixo o epígrafe de "vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como a ra patilonga (Rana iberica), que ten presenza incluso na zona urbana de Caldas, a lavandeira real (Motacilla cinerea), ou, en especies vexetais, a lingua de boi (Pentaglottis sempervirens) e a herba da prata (Ranunculus peltatus).
Así mesmo, a andaina celebrarase no marco da campaña #Mipueblosinbasuraleza posto en marcha a través do proxecto LIBERA, creado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes e en colaboración coa FEMP.
O obxectivo da iniciativa é poñer en valor Caldas e as súas contornas naturais e rurais e animar a todos os habitantes e visitantes a que gocen do turismo na vila dunha maneira responsable.
Deste modo, aproveitarase a ruta para recoller o lixo que poida atoparse ao longo do traxecto co dobre obxectivo de eliminar sucidade e de sentar conciencia sobre a problemática que representan os residuos que se acumulan na natureza e chamar á atención sobre o feito de que o bo estado dos ríos e espazos naturais non dependa de limpezas puntuais, senón da responsabilidade da cidadanía.