Caldas disponse a contratar a mellora integral da Carballeira e o Xardín Botánico

Umia
03 de decembro 2024

O tenente de alcalde Manuel Fariña confirma que a administración local acaba de recibir a notificación oficial dos 1,45 millóns de euros de axuda para restaurar o BIC

Carballeira de Caldas
Carballeira de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis prepara a contratación os traballos que permitirán mellorar de maneira integral a Carballeira e o Xardín Botánico grazas aos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia.

O tenente de alcalde Manuel Fariña confirmou este martes que o goberno local recibiu o luns a notificación oficial da axuda de 1,45 millóns de euros e subliñou que o persoal técnico municipal xa está a preparar a documentación para sacar a licitación todos os contratos necesarios para que a posta en valor do "principal e máis emblemático espazo patrimonial natural da vila termal" sexa unha realidade antes de finais de 2026 .

O Concello de Caldas recibiu a subvención de 1.452.000 euros, que financia a totalidade do proxecto presentado baixo o nome 'Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo aberto 24/7'.

O obxectivo da actuación, explica o nacionalista, é poñer en valor o patrimonio do Ben de Interese Cultural (BIC) caldense dende un punto de vista turístico.

A subvención está desglosada en oito partes: os fondos deberán destinarse á restauración integral do BIC, ao deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, á monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, á apertura dun centro de visitantes 24/7, ao deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, á instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, á implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.

Os primeiros pasos administrativos unha vez notificada oficialmente a subvención serán a apertura da licitación das obra de recuperación do BIC, unha actuación que xa conta con proxecto deseñado polo enxeñeiro agrónomo e doutor en paisaxe, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza Martínez.

Estes traballos xa poden contratarse de maneira inminente polo que dende a administración local estanse a redactar as bases do contrato de execución, que ascenderá a 810.700 euros.

Por outra banda, tamén se ten que sacar a contratación a redacción definitiva do proxecto turístico, que terá como obxectivo atraer visitantes, educalos sobre a cultura e a historia do lugar, así como fomentar un maior aprecio polo patrimonio local.

Co fin de recadar todas as ideas e propostas posibles, así como de pulsar todas as sensibilidades da veciñanza e dos diferentes colectivos socioeconómicos sobre o futuro da Carballeira e o Xardín Botánico, o tenente de alcalde vén de anunciar a realización de reunións. "Queremos que a opinión da xente conte e veremos a fórmula de incorporala dentro do que serán as propostas do persoal técnico que redactará o proxecto turístico", sinala Manuel Fariña.

Dado que o prazo para xustificar a obra (financiada polo Ministerio de Industria e Turismo con cargo aos Fondos Next Generation da Unión Europea) remata a finais de 2026, a intención do tenente de alcalde é que a maior parte dos traballos de obra estean xa executados no vindeiro 2025, deixando para os meses seguintes as actuacións de posta en marcha da musealización e deseño da experiencia.