O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, visitou as instalacións do edificio municipal da Tafona co xerente da área territorial do Sergas de Pontevedra e do Salnés, José Ramón Gómez, para avaliar as necesidades de espazo para acoller provisionalmente servizos que non teñen cabida no actual centro de saúde, á espera da construción do novo centro xunto á Escola de Música.
Neste senso, acordaron que ademais das instalacións que xa están actualmente cedidas ao Sergas para o espazo de educación maternal e consulta de matrona, o Concello cederá tres novos espazos na primeira planta para reorganizar este servizo e completar a área de fisioterapia, rehabilitación e traballo social, de ámbito comarcal. O Sergas encargarase do acondicionamento dos espazos cedidos e da dotación do equipamento e mobiliario específico.
O alcalde subliña “o esforzo que fai o Concello para facilitar á Xunta de Galicia os espazos necesarios para que poida prestar servizos á cidadanía no ámbito da saúde nas mellores condicións e nunhas instalacións céntricas, acolledoras e accesibles”.
As instalacións cedidas no edificio da Tafona estaban ocupadas ata hai uns días pola Oficina Agraria Comarcal, da Consellería de Medio Rural, que xa está trasladada no novo edificio municipal de usos múltiples na parroquia de Santa María.