Caldas aumenta as achegas ás comisións de festas para pagar orquestras e actuacións musicais

Umia
30 de abril 2024

O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que as axudas poderán chegar ata os 1.000 euros fronte aos 400 que recibían ata agora

Concerto de El Combo Dominicano
Concerto de El Combo Dominicano / Concello de Poio

O Concello de Caldas de Reis vén de aprobar as bases das súas subvencións a comisións de festas para celebrar verbenas e outras actividades populares na vila termal. As axudas aumentarán nun 250% podendo chegar ata os 1.000 euros fronte aos 400 euros de máximo que recibían ata o de agora.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, explica que con esta medida o goberno local pretende "facilitar o traballo das comisións aumentando, se cabe, a capacidade de contratar espectáculos de maior calidade e permitindo así dispoñer de fondos propios para outras iniciativas complementarias". 

"É unha medida que estudamos porque entendemos que o público cada vez é máis esixente e queremos axudar a dinamizar toda a actividade que supoña movemento na nosa vila", destacou o nacionalista. 

Desta maneira, o importe das axudas do Concello determinarase en base ao caché facturado polo conxunto das orquestras ou grupos musicais contratados por cada comisión de festas.

Establecerase unha axuda por importe equivalente ao 10% do importe facturado neses conceptos, cun importe mínimo de 250 euros e un máximo de 1.000 euros para cada comisión. Aínda que o gasto acreditado sexa inferior á contía de 250 euros, manterase esa achega.

Para a concesión destas axudas o Concello destinará un orzamento total de 7.000 euros, que poderá incrementarse nunha contía adicional sen necesidade de nova convocatoria, respectando os límites e condicións e rexendo polas mesmas bases.

O prazo de solicitude iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 30 de novembro de 2024.

Como requirimento básico para optar ás subvencións, as actividades organizadas polas comisións de festas deberán estar abertas a toda a cidadanía, realizarse en espazos accesibles e de uso público ou veciñal e ter entrada libre e de balde.

Exclúense festas organizadas con motivo de conmemoracións ou celebracións particulares ou de orixe privada, por entidades con ánimo de lucro ou as destinadas unicamente a socios dun colectivo particular.