Caldas anuncia a reforma integral da pista multideportiva da Tafona

Umia
12 de novembro 2024

A obra inclúese no Plan de Mellora de Espazos Deportivos no que está a traballar a concellaría de Deportes de Caldas de Reis. Suporá un investimento de 35.000 euros

Pista deportiva da Tafona
Pista deportiva da Tafona / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis ten a intención de recuperar a pista multideportiva da Tafona cunha renovación integral.

Así o avanzou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Fariña.

A obra inclúese no Plan de Mellora de Espazos Deportivos no que está a traballar a concellaría, e suporá un investimento de 35.000 euros.

Segundo Fariña a recuperación do espazo deportivo da Tafona suporá a volta de elementos como portarías ou canastras que foron retiradas no seu momento polo seu mal estado, coa idea de colocar agora novos elementos utilizando materiais antivandálicos que precisan baixo mantemento e garanten unha maior durabilidade.

O novo espazo de xogo será polivalente, dispoñendo xunto co equipamento de diferentes postes e dunha rede central móbil de altura regulable, ademais dun peche perimetral dun metro de altura aberto polos fondos.

Tal e como explica o Concello aproveitarase a superficie de formigón reparando as gretas e irregularidades cun saneamento de resina e unha capa final de morteiro.

A intención é marcar canchas de fútbol sala, minibasket e voleibol con diferentes liñas.

"Sabemos que estas instalacións son moi demandadas e van ter un efecto chamada. A Tafona xa é un punto de referencia e agora ímoslle devolver un espazo deportivo que atraerá moita rapazada e impulsará a práctica deportiva na rúa. Rexenerar as pistas era unha obriga", defendeu o tenente de alcalde.

A previsión é que as obras se poidan adxudicar a final de mes co obxectivo de que os traballos poidan iniciarse a principios do próximo ano e estean concluídos para primavera, ao contar cun prazo de execución máximo de mes e medio.