Hai tres anos, a Confeitaría Capri logrou recadar case 7.000 euros para os damnificados pola inesperada erupción do volcán da Palma.
"Foi unha satisfacción enorme", lembra o seu responsable, Menchu Collado, que decidiu repetir esta iniciativa solidaria.
Será, iso si, con destinatarios diferentes. Tras comprobar os danos que o paso da DANA provocou en Valencia, o establecemento doará a recadación que obteña durante todo un día, a do próximo domingo 3 de novembro.
"Ímoslles a doar a caixa íntegra. Esperamos ter sorte e chegar, polo menos, á mesma cantidade que recadamos para A Palma", explica Menchu Collado a PontevedraViva.
Confía en que os seus clientes respondan "igual de ben" que en 2021, aínda que polos encargos que estivo recibindo nas últimas horas non ten dúbidas de que así será.
Foron moitos, relata a responsable de Capri, os que se achegaron até a confeitaría ou chamaron por teléfono para encargar diversos produtos "e levalos o domingo".
"Este domingo máis que nunca convidamos a todos a que compartan as súas sobremesas", subliñan desde o establecemento.
Elixiron esta data, en plena ponte de Todos os Santos, porque xa adoitan ser unhas datas cunhas vendas "bastante elevadas", sobre todo porque son moitos os que non se resisten a adquirir os míticos 'huesitos'.
Todo o diñeiro recadado será canalizado, do mesmo xeito que na anterior vez, a través da ONG Mensaxeiros da Paz, que dirixe o Pai Ángel.