FoodInSpace, a primeira revista dedicada exclusivamente aos espazos globais de alimentos e bebidas a nivel mundial, fixouse en Pontevedra ou, máis concretamente, no traballo do estudo de aquitectura local Nan.
Na primeira edición dos premios FoodInSpace, seleccionou o seu proxecto para Misto Café Bar, na rúa Marquesa, como gañador na categoría de 'proxectos visuais' e a subcategoría de cafetaría.
Entre os 29 gañadores destes premios internacionais tan só hai dous españois, este pontevedrés e, na categoría de asador, Mussol, en Barcelona, de Carlos Martinez Interiors.
Desde Nan Arquitectos celebran que este galardón se traduce en converter este local na "cafetaría máis bonita do mundo".
"Estamos sorprendidos e realmente moi contentos", explican a PontevedraViva Vicente Pillado e Alberto Reiriz, emocionados porque supón un recoñecemento a nivel internacional ao que lle dan "moito valor" .
Destacan que había proxectos de todo o mundo e de moito nivel e móstranse agradecidos por ser recoñecidos con esta cafetaría da que agora xa son clientes habituais. "Estamos contentos porque parece que o houbéramos feito para nós", sinalan.
Agradecen tamén aos responsables deste negocio que confiaran neles para realizar esta reforma agora premiada, na que partiron da marca e o concepto que eles xa definiran para "desarrolar o concepto a nivel formal".
Deste este negocio, unha dos seus responsables, Laura Martínez, destacan que este local é resultado dun "bo mix" entre "o toque de personalidade propio dos xerentes" e o "deseño moi chulo" de Nan.
Trátase, segundo Martínez, dun proxecto moi persoal no que "apostamos por un deseño un pouco atípico" con respecto a outro tipo de cafetarías que se están facendo habitualmente, "que parece que ás veces é como un patrón".
Este premio concedeuno un xurado internacional de expertos composto por recoñecidos arquitectos, deseñadores, interioristas e expertos en alimentación e bebidas e deseño, 16 xuíces de 10 países, e o voto popular emitido polo público na plataforma foodinspace.net (contabilizáronse ao redor de 300.000 votos dos finalistas).
Á hora de deseñar esta reforma, o seu fío condutor foi, precisamente, o nome do local, un misto, 'misto' en galego. Integraron as cores corporativas no interiorismo, co laranxa como predominante, e plasmaron unha imaxe "rompedora e actual".
A cafetaría empeza desde a fachada, con dous bancos con mesas encostadas, e coida aspectos como a iluminación, cun proxecto moi minucioso "co fin de iluminar de maneira sutil as diferentes estancias e os distintos usos". Optaron por unha cociña é completamente visible e un local totalmente diáfano e aberto.