Caeuche un dente? Lévao ao Culturgal para colaborar coa investigación científica

Pontevedra
30 de novembro 2019

Aquelas persoas que doen unha peza dental, xa sexa infantil ou de adulto, recibirán no stand do CSIC un diploma de axudante do Rato Pérez e un obsequio por axudar nas investigacións científicas que se realizan no Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana

O CSIC pide pezas dentais para a investigación
O CSIC pide pezas dentais para a investigación / Cristina Saiz

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) conta cun stand no Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que se desenvolve durante esta fin de semana no Pazo da Cultura. Alí, durante este sábado 30 de novembro, demándanse pezas dentais.

É unha oportunidade única de colaborar na VI Campaña de recollida de dentes do Rato Pérez, que promove o Centro nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH). Luisa Martínez, responsable da Unidade Científica do CSIC, explicaba que é a primeira vez que esta iniciativa se desenvolve en Galicia desde que en 2014 iniciábase a recollida de dentes co obxectivo de realizar investigacións científicas a través da recompliación e análise de datos.

A responsable desta campaña sinalaba que se quere crear un banco de pezas dentais, tanto de dentes de leite infantís como de adultos. O único requisito necesario é coñecer a data en que a peza se desprendeu.

Durante este sábado 30 van recollerse pezas entre as 11.00 e as 13.00 horas, no Espazo infantil: Ciencia á Feira. O stand atópase situado nas proximidades á zona de cafetería, no Espazo Gastro do Recinto Feiral. Durante a tarde tamén se recollerán pezas a través dun carro do CSIC que circulará pola Feira. As persoas que colaboren recibirán no stand do CSIC un diploma de axudante do Rato Pérez e un obsequio.

Neste posto desenvólvese tamén un obradoiro de hixiene bucal e pódese ver unha exposición de 'Dentes e mandíbulas mariñas', que realizan de maneira conxunta a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM).

O Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, pola súa banda, desenvolve outra actividade dentro do Culturgal, que leva por título 'Un bosque viaxeiro', a través da que se explica como se reproducen as árbores tanto en bosques como en laboratorio. A actividade conta cun obradoiro e unha exposición de sementes, follas e minibosques de árbores autóctonas de cultivo in vitro.